Descarboniza

 

Proxecto “Descarboniza! Que non é pouco...” A importancia dos pequenos grandes cambios colectivos

O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. A súa relevancia e impacto están fóra de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusábel para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades.

Así mesmo, o papel que debe xogar a Educación Ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas tamén conta con reiterados chamamentos; o derradeiro deles recollido no Acordo de París aprobado na Conferencia das Partes celebrada en decembro de 2015.

É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

A investigación da percepción do Cambio Climático e a recompilación de dispositivos e iniciativas sociais e educativas exitosas na redución de gases de efecto invernadoiro agroman os que se formulan como piares do proxecto: as actividades vivenciais significativas que conectan ás persoas co problema e o traballo grupal e/ou comunitario que lle outorga proxección social. Experimentar os coñecementos adquiridos e facelo acompañado doutras persoas convértese así na metodoloxía de traballo; grupos que, a través de distintas dinámicas irán decidindo, a partir da información que se lles proporcionará, que facer e como para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Esta metodoloxía de traballo busca tamén contribuír á participación activa da cidadanía nos problemas ambientais e na vida pública en xeral; e faino desde a resiliencia comunitaria, é dicir, desde a necesidade de articular mecanismos que, como comunidade e cos propios recursos, lles permita resolver satisfactoriamente os retos actuais.

Un proxecto en crecemento

Durante primeiro semestre do 2017 o Grupo SEPA desenvolveu unha iniciativa piloto na que se tomou como referencia o traballo que se viña desenvolvendo nos Centros Socioculturais (CSC) do Concello. A través de varias sesións formativas, afondouse nas causas e consecuencias do Cambio Climático así como das accións que poden poñerse en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma persoal e colectiva con tres grupos iniciais.

Logo desta primeira etapa de proba, nos CSC de Fontiñas, Vite e Lavacolla, o curso 2017-2018 comeza con tres centros participantes máis –Conxo, Castiñeiriño e Busto– e tres liñas de traballo prioritarias.

A coordinación de accións. Na actualidade, o Concello de Santiago de Compostela está a desenvolver varios proxectos que directa ou indirectamente están ligados ao proxecto “Descarboniza…” (compostaxe comunitaria, hortas urbanas, tropa verde, etc.). A través da colaboración con estes proxectos paralelos buscarase un maior impacto e coordinación das actuacións a desenvolver.

Un público sénior. Posto que a metodoloxía de intervención resultou especialmente efectiva con públicos adultos e, sobre todo, con públicos sénior ou de terceira idade, centrarase a atención precisamente nestes destinatarios. O seu carácter como vectores de intervención na comunidade e a súa dispoñibilidade temporal fan deles un colectivo cun enorme potencial. Ademais, existen moi poucas iniciativas de Educación Ambiental que traballen con este grupo.

A memoria como fío condutor. Alén das dinámicas e contidos previstos na metodoloxía de intervención, o traballo coa memoria individual e colectiva revelouse un exercicio fortemente motivador, ligando os recordos das participantes dun “pasado de baixas emisións” coa actualidade e as accións necesarias en clave de descarbonización. A memoria dos barrios empregarase deste xeito como un fío condutor interxeneracional, non en clave nostálxica, senón como aposta de futuro.

Podes poñerte en contacto connosco e seguir a nosa actividade a través de:

  descarboniza@resclima.info       http://www.resclima.info/descarboniza

    Descarboniza Que non é pouco           @descarboniza

 

Proxecto “Descarboniza! Que Non É Pouco…”. Pequenos grandes cambios colectivos fronte ao cambio climático

O Teatro Principal énchese para ver “Amanece que no es poco” e conversar co seu director sobre sub-ruralismo e cambio climático