
O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. A súa relevancia e impacto están fora de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusábel para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades.
Así mesmo, o papel que debe xogar a Educación Ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas tamén conta con reiterados chamamentos; o derradeiro deles recollido no Acordo de París, aprobado na Conferencia das Partes (COP21) celebrada en decembro de 2015.
É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o PROXECTO “DESCARBONIZA! QUE NON É POUCO…”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.


A investigación da percepción do Cambio Climático e a recompilación de dispositivos e iniciativas sociais e educativas exitosas na redución de gases de efecto invernadoiro agroman os que se formulan como piares do proxecto: as actividades vivenciais significativas que conectan ás persoas co problema e o traballo grupal e/ou comunitario que lle outorga proxección social. Experimentar os coñecementos adquiridos e facelo acompañado doutras persoas convértese así na metodoloxía de traballo; grupos que, a través de distintas dinámicas irán decidindo, a partir da información que se lles proporcionará, que facer e como para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.
Esta metodoloxía de traballo busca tamén contribuír á participación activa da cidadanía nos problemas ambientais e na vida pública en xeral; e faino desde a resiliencia comunitaria, é dicir, desde a necesidade de articular mecanismos que, como comunidade e cos propios recursos, lles permita resolver satisfactoriamente os retos actuais.
En febreiro de 2017 o proxecto púxose en marcha de forma experimental no Concello de Santiago de Compostela. Desde entón, tense desenvolvido en varios municipios galegos e tamén noutros territorios (Euskadi, Extremadura, La Rioja). Así mesmo, a proposta metodolóxica inicial foi evolucionando. Un proceso que, ademais de aliñarse coa formulación do proxecto como unha iniciativa de Investigación- Acción, tivo como catalizador a incorporación da cooperativa Feitoría Verde (enlace á web: feitoriaverde.com) ao seu desenvolvemento.
Deste xeito, implementáronse adaptacións en clave interxeneracional (Do desequilibrio á Descarbonización), poñendo o foco no xénero (Mulleres fronte a emerxencia climática), ou vinculadas á xeración de narrativas utópicas con ferramentas artísticas e teatrais (Do Desequilibrio ao soños compartidos).
Se estás interesado/a en recibir información ou poñer en marcha o proxecto ou algunha das súas adaptacións metodolóxicas, podes poñerte en contacto connosco en:
http://www.resclima.info/descarboniza
Descarboniza Que non é pouco (Facebook)



Outros recursos relacionados co proxecto:
Iglesias, L., Pardellas, M. e Gradaílle, R. (2020). Públicos invisibles, espacios educativos improbables: el Proyecto “Descarboniza! Que non é pouco…” como educación para el cambio climático. Pedagogía Social. Revista Interuniversitaria, 36, 81-93. https://doi.org/10.7179/PSRI_2020.36.05 (SCOPUS Q3)
Pardellas, M. & Meira-Cartea, P.Á. (2020). Descarboniza! Que Non é Pouco… Una Experiencia Educativa para la Emergencia Climática. Donosti: Fundación Cristina Enea. ISBN: 978-84-09167975
Da Cunha, Lucía & Pardellas, Miguel & Meira Cartea, Pablo Ángel. (2022). Dramatizing the Climate Emergency: Thinking Up New Cultural Mediators in Environmental Education. 10.4018/978-1-7998-8645-7.ch011.
Iglesias, L., Meira-Cartea, P.Á., Pardellas, M. e Serantes, A. (2022). Resclima EDU2. Diálogo entre generaciones sobre cambio climático. La experiencia de “Xardín-Utopía”. En Vieira, R., Marques, P.S., Silva, P., Vieira, A.M.. Margarido, C. e Matos, R. Livro de Resumos: XXXIV Congresso Internacional da SIPS (Sociedade Iberoamericana de Pedagogia Social) e 10.ª Conferência Internacional de Mediação Intercultural e Intervenção Social. ESECS.Politécnico de Leiria e CICS.NOVA.IPLeiria, p. 115 (ISBN: 978-989-8797-84-1). https://doi.org/10.25766/8b6p-y812
Pardellas, M., Meira-Cartea, P.Á., e Iglesias, L. (2022). O proxecto Descarboniza! Que non é pouco… Resiliencia comunitaria a través da memoria colectiva. En Meira-Cartea, P.Á. (Dir.), Iglesias, M.L., Morán, M.C., Vargas, G., e Arto, M. (2022). A educación para o cambio climático no sistema educativo. (pp. 173-186). Ferrol: Aldine-Resclima-REAJA (ISBN: 978-84-936916-6-0)
López, A. e Lorenzo, P. (2022). Do des-equilibrio aos soños compartidos. Innovación e interxeracionalidade para a acción climática. En Meira-Cartea, P. e Pardellas, M. (coord.). Emerxencia Climática e Educación. Revista Galega de Educación. Num 84. (25-27). ISSN: 1132-8932




















