Que factores determinan a resposta da poboación ante o cambio climático?

Pablo Montero Souto, Pablo Ángel Meira Cartea e Mónica Arto Blanco
Jueves, Septiembre 18, 2014

 

A literatura sobre o cambio climático suxire que as sociedades manteñen diversas opinións respecto das ameazas que comporta o cambio climático e a súa disposición a cambiar de hábitos para mitigar os posibles efectos. En concreto, os estudos de opinión trataron de identificar cales son os factores que determinan o grao de preocupación da poboación, as súas actitudes e os comportamentos que pon en marcha ante o cambio climático e outros problemas ambientais. Respecto diso, Bamberg e Schmidt (2003) consideran que a relación entre estes procesos non é nin uniforme nin intuitiva. No entanto, hai un certo consenso ao redor da existencia de tres compoñentes principais: (1) o coñecemento sobre un problema de natureza complexa; (2) os elementos morais e sociopolíticos implicados no asunto; e (3) os procesos psicosociais e cognitivos que condicionan a representación do cambio climático (González-Gaudiano & Meira-Cartea, 2009).

En primeiro lugar, a actitude ante o cambio climático podería estar mediatizada pola capacidade individual para recoñecer o significado da información científica e construír unha representación axustada do problema. Neste sentido, Bord, Fisher e O ’Connor (1998) mostraron que as concepcións afastadas do discurso científico poden establecer barreiras para activar a resposta da opinión pública. Na mesma liña, Etkin e Ho (2007) interpretan que a falta de información dificultaría a comprensión e interpretación do problema. Para Seacrest, Kuzelka e Leonard (2000), estas dificultades poderían reducir a capacidade dos individuos para situarse dun modo coherente coa evidencia científica. Igualmente, Bord, Fisher e O'Connor (2000) atoparon que a adecuada identificación e comprensión das causas do cambio climático sería o factor máis influente nos comportamentos proambientais da sociedade estadounidense. Pola súa banda, Malka, Krosnick e Langer (2009) engaden que a consistencia entre as crenzas e accións das persoas non só dependen das súas capacidades para entender o cambio climático, senón tamén da confianza xerada pola información que reciben e os mediadores da información. Estes resultados suxerían que as persoas necesitan dispor de coñecementos inequívocos para poder concretar as súas accións.

En segundo lugar, a literatura anglosaxoa tratou de describir os diferentes perfís da poboación. Nesta liña, algúns elementos morais e sociopolíticos que poden influír na opinión pública son a concepción do mundo de cada cidadán, as normas sociais dunha sociedade e o grao de coherencia entre a mensaxe e as políticas de resposta. Así, Maibach, Roser-Renouf e Leiserowitz (2009) identificaron a existencia de seis grupos de opinión na sociedade estadounidense, dependendo das crenzas, as actitudes, a percepción do risco, as motivacións, os valores, os comportamentos, as posibles barreiras para a acción e a aprobación ou desaprobación de determinadas medidas políticas. Tamén na sociedade estadounidense, Patchen (2010) concluíu que as diferenzas políticas e ideolóxicas do pobo americano influían tanto no grao de preocupación da xente como nos seus comportamentos. En España, Jiménez e Lafuente (2010) identificaron que na sociedade andaluza existen distintos patróns de comportamento segundo a “conciencia ambiental”, é dicir, o conxunto de factores psicolóxicos (afectivos e cognitivos) relacionados coa propensión das persoas a involucrarse en condutas proambientais.

En terceiro lugar, os procesos psicosociais e cognitivos poderían influír na elaboración da representación social do cambio climático. Respecto diso, diversos estudos sinalan a existencia dun efecto de “hipermetropía psicosocial” que recorda aos mecanismos de axuste psicolóxico descritos polas teorías da atribución externa, é dicir, os mecanismos defensivos que utiliza o ser humano para responsabilizar dos problemas a terceiros axentes. En concreto, a “hipermetropía ambiental” describiría a tendencia a considerar que os problemas ambientais son máis graves canto máis afastados se perciben, no tempo e no espazo; mentres que se consideran problemas menos ameazantes canto máis cerca se perciben (Uzzel, 2000).

Diferentes estudos confirman que a distancia xeográfica e psicolóxica respecto das catástrofes ambientais pode afectar ás percepcións sociais. Neste sentido, Leiserowitz (2005) observou que a opinión pública tende a relacionar o cambio climático coas zonas onde se producen terremotos, maremotos e catástrofes ambientais. Así mesmo, Brewer (2005) observou que a percepción desenfocada do cambio climático leva a transferir a asunción das responsabilidades a outros axentes. Pola súa banda, Weber (2006) atribúe a pasividade da cidadanía á invisibilidade das consecuencias do cambio climático para a maior parte da sociedade. Na mesma liña, Moyano, Paniagua e Lafuente (2009) suxeriron que a poboación española tende a crer que as súas accións locais e rexionais non teñen efectos sobre os problemas ambientais globais. Á súa vez, Lorenzoni e Pidgeon (2006) mostraron que tanto a opinión pública europea como a estadounidense tenden a considerar que o cambio climático é un problema psicoloxicamente afastado, porque as campañas de comunicación non conseguen introducilo nas preocupacións significativas da cidadanía.

Profundando no asunto, a percepción dos riscos que comporta o cambio climático podería estar asociada ás características xeofísicas e socioculturais do lugar de residencia. Isto sucedería porque os sucesos experimentados en primeira persoa tenden a estar máis presentes na psicoloxía humana que os eventos alleos, independentemente de cal sexa o seu potencial de ameaza e dano. Neste sentido, Brody, Zahran, Vedlitz e Grover (2008) observaron que os comportamentos ambientais da sociedade estadounidenses dependían das características físicas e xeográficas de cada zona. Á mesma conclusión chegaron Palutikof, Agnew e Hoar (2004) no seu estudo sobre as percepcións ambientais da sociedade británica. Así mesmo, Blake (2001) tamén atopou que a variación espacial das condicións territoriais tiña un efecto significativo sobre a percepción e o comportamento da poboación canadense. Éundalic’ e Pavic’ (2009) observaron que o lugar de residencia (rural—urbano) implicaba diferentes actitudes cara aos problemas ambientais, a asunción de responsabilidades e a predisposición a cambiar de forma de vida. Na mesma liña, Battaglini, Barbeau, Bindi e Badeck (2009) atoparon que os viticultores de tres rexións europeas atribuían unha parte da calidade das súas colleitas á experiencia subxectiva do tempo atmosférico que existía en cada localidade. Pola súa banda, Hamilton e Keim (2009) mostraron que as percepcións dunha mostra estadounidense dependían das condicións meteorolóxicas que experimentaban os habitantes de nove rexións rurais.

En resumo, a literatura científica interpreta que o nivel de coñecemento, os valores e as circunstancias políticas e económicas, así como as condicións ambientais que experimenta cada persoa inflúen tanto na percepción do cambio climático como na modificación dos hábitos ambientais. A variabilidade social na representación do cambio climático podería depender tamén das condicións territoriais ou contextuais que se experimentan en cada rexión climática, unida á distancia real ou percibida con respecto a sucesos ambientais asociados coas causas e os efectos do cambio climático. Xunto a estes factores, Doppelt (2008) recorda que a predisposición a pór en práctica os hábitos que se consideran máis proambientais tamén estaría condicionada polo proceso de cambio que atravesa cada persoa.

 

Referencias 

Bamberg, S. & Schmidt, P. (2003). Incentives, Morality, or Habit? Predicting students’ car use for university routes with the models ofAjzen, Schwartz, and Triandis. Environnient and Beliavior, 35 (2), 264-285.

Battaglini, A., Barbeau, G., Bindi, M. & Badeck, F-W (2009). European Winegrowers’ Perceptions of Climate Change Impact and Options for Adaptation. Regional Environmental Change, 9: 61-73.

Blake, D. E. (2001). Contextual Effects on Environmental Attitudes and Behavior. Environnient and Behavior, 33(5), 708-725.

Bord, R. I., Fisher, A. & O’Connor, R. E. (1998). Public Perceptions of Global Warming: United States and International Perspectives. Climate Research 11, 75-84.

Bord, R. I., Fisher, A. & O’Connor, R. E. (2000). In What sense does the public need to understand Global Climate Change? Public Understanding of Science, 9(3), 205-218.

Brewer, T. L. (2005). US Public Opinion on Climate Change Issues: Implications for Consensus Building and Policymaking. Climate Policy, 41(4), 359-376.

Brody, S. D., Zahran, S., Vedlitz, A. & Grover, H. (2008). Examining the relationship between Physical Vulnerability and Public Perceptions of Global Climate Change in the United States. Environment and Behavior, 40(1), 72-95.

Doppelt, B. (2008). The Power of Sustainable Thinking: How to create a positive future for the climate, the planet, your organization and your life? London: Earthscan.

Éundalic’, A. & Pavic’, Z. (2009). Socio-Spatial Determinants of Attitudes Towards Nature. Sociologija iProstor, 46(3/4), 383-397.

Etkin, D. & Ho, E. (2007). Climate Change: Perceptions and Discourses of Risk. Journal of Risk Research, 10(5), 623-641.

González-Gaudiano, E. & Meira-Cartea, P. (2009). Climate Change Education and Communication. En F. Kagowa y D. Selby (Eds.). Education and Climate Change. Living and learning in interesting times (pp. 13-34). New York: Routledge.

Hamilton, L. C. & Keim, B. D. (2009). Regional Variation in Perceptions about Climate Change. International ]ournal of Climatology, 29(15), 2348-2352.

Jiménez, M. & Lafuente, R. (2010). Defining and Measuring Environmental Consciousness. Revista Internacional de Sociología, 68 (3), 731-755.

Leiserowitz, A. (2005). American Risk Perceptions: Is Climate Change Dangerous? Risk Analysis, 25(6), 1433-1442.

Lorenzoni, I. & Pidgeon, N. F. (2006). Public Views on Climate Change: European and USA Perspectives. Climatic Change, 77, 73-95.

Maibach, E., Roser-Renouf, C. & Leiserowitz, A. (2009). Global Warniings Six Americas 2009: An Audience Segnientation Analysis. Yale Project on Climate Change-George Mason University Center for Climate Change Communication.

Malka, A., Krosnick, I. A. & Langer, G. (2009). The Association of Knowledge wíth Concern about Global Warming: Trusted information sources shape public thinking. Risk Analysis, 29(5): 633-647.

Moyano, E., Paniagua, Á. & Lafuente, R. (2009). Environmental Policy, Climate Change and Public Opinion. The case of Andalucia. Revista Internacional de Sociología, 67(3): 681-699.

Palutikof, I. P., Agnew, M. D. & Hoar, M. R. (2004). Public Perceptions of Unusually Warm Weather in the UK: Impacts, Responses and Adaptations. Climate Research, 26: 43-59.

Patchen, M. (2010). What Shapes Public Reactions to Climate Change? Overview of Research and Policy Implications. Analyses of Social Issues and Public Policy, 10 (1), 47-68.

Seacrest, S., Kuzelka, R. & Leonard, R. (2000). Global Climate Change and Public Perception: The challenge of translation. Journal of the American Water Resources Association, 36(2), 253-263.

Uzzell, D. L. (2000). The Psycho-Spatial Dimension to Global Environmental Problems. Journal of Environniental Pshycliology, 20(3), 307-318.

Weber, E.U. (2006). Experience-Based and Description-Based Perceptions of Long-Term Risk: Why Global Warming does not scare us (yet). Climatic Change, 77(1-2), 103-120.

*Texto extraído de Montero Souto, P., Meira Cartea, P. Á.,  & Arto Blanco, M. (2013). Análise de segmentación da sociedade española ante o cambio climático. En M. Arto Blanco & P. Á. Meira Cartea (Coord.). Cuarto Seminario Compostela de  Investigación en Educación Ambiental e para a Sostenibilidade. ACTAS (pp.139-159). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.