A profesora Lucie Sauvé en Santiago de Compostela

Pablo Á. Meira Cartea
Miércoles, Septiembre 9, 2015

 

 

 

 

 

 

 

Os próximos días 10 e 11 de setembro estará en Santiago de Compostela a Profesora Lucie Sauvé, invitada polo Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.  Lucie Sauvé é profesora do Departamento de Educación e Pedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Quebec en Montreal, sendo titular da Cátedra de Investigación en Educación Ambiental de Canadá. Tamén dirixe o Centro de Investigación en Educación relativa ao Medio Ambiente e a Ecocidadanía da Universidade de Quebec (http://www.centrere.uqam.ca).

Lucie Sauvé é unha das máximas referentes do campo da Educación Ambiental a nivel mundial. O trazo máis distintivo da súa obra é que non segrega os compoñentes académicos e científicos dos éticos e políticos. Os seus campos de especialización son a Educación Ambiental, a educación en saúde ambiental e ecodesenvolvemento, a educación científica e tecnolóxica, a educación comunitaria e a formación a distancia.

Entre as actividades académicas que desenvolverá en Compostela, o xoves 10 de setembro ás 19:00 horas, no auditorio da Biblioteca Pública Ánxel Casal, Lucie Sauvé ofrecerá a conferencia “Educación Ambiental e Ecocidadanía:  un reto cosmopolítico”, coorganizada co Concello de Santiago. O acceso será libre ata completar o aforo.

Ademais da súa actividade académica e estreitamente relacionada con ela, a profesora Lucie Sauvé ten asumido un forte compromiso político coa loita en contra dos graves impactos ambientais e sociais da industria gandeira e da minería en Canadá, organizando un grupo de expertos para investigar e vixiar o traballo destas empresas, en primeiro termo no propio territorio canadense, pero tamén fóra del.

Dende fai máis de 20 anos traballa na construción do campo da Educación Ambiental, cunha vasta produción teórica e metodolóxica, que ten contribuído decisivamente a establecer as estratexias para orientar o traballo nesta materia a nivel mundial. No ámbito académico Lucie Sauvé ten realizado o exame máis detallado das distintas correntes da Educación Ambiental no mundo, creando unha cartografía na cal se analizan as diversas modalidades e formas de facer Educación Ambiental que é a máis utilizada actualmente a nivel internacional.

Lucie Sauvé é unha apaixonada de Iberoamérica, desenvolvendo proxectos de investigación con distintas universidades e organizacións de América Latina e España. Entre elas destaca o proxecto Educación Ambiental na Amazonia (Edamaz), que involucrou a catro países de dita rexión (Brasil, Colombia, Bolivia e Perú).  A principios deste ano foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Veracruz (México).

A súa é unha lectura obrigada en todos os programas de formación de educadores ambientais no mundo.