A Educación Ambiental nos programas electorais para as eleccións galegas do 25 de setembro

Pablo Á. Meira Cartea
Domingo, Septiembre 25, 2016

 

Os días 14 e 15 de outubro a Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) celebra en Santiago de Compostela as VII XORNADAS GALEGAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL, practicamente dúas semanas despois das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o 25 de setembro. O lema e o tema das VII XORNADAS  ten forma de interrogante, Educación Ambiental: un Servizo Público?

Queremos aproveitar esta coincidencia entre a cita electoral e o debate que propón a SGEA para facer unha aproximación ao tratamento que recibe a Educación Ambiental  nos programas electorais dos principais partidos que concorren aos comicios autonómicos. Os programas electorais, cando menos formalmente, conforman as bases do contrato político que os partidos queren establecer coa cidadanía. A priori, estes programas constituirán a principal guía que seguirán se acceden ás responsabilidades de goberno ou, no caso contrario, a partitura que inspirará o exercicio da oposición. Nun escenario ou noutro, aos cidadáns quédanos a posibilidade de acudir aos programas para desvelar as contradicións que poidan existir entre o que eles manifestan e as políticas aplicadas con posterioridade.

Non é probable que unha persoa decida o seu voto polo tratamento que se faga  da Educación Ambiental no programa electoral dun partido político. Os arcanos do voto son complexos e moitas veces herméticos e indescifrables, cando non inconfesables. Non é a Educación Ambiental un campo ou ámbito de especial relevancia pública e, polo tanto, tampouco suscita un interese social e político salientable. Con toda seguridade, a súa invisibilidade social e política contrasta coa magnitude da crise socio-ambiental, magnitude que fai necesaria unha resposta educativo-ambiental  máis contundente, tanto a nivel global como diante das nas expresións que esta crise adopta en Galicia, da que se está a producir. O certo é que nin as cuestións ambientais nin as respostas educativas relacionadas con elas non teñen ocupado un lugar sequera minimamente relevante nos discursos políticos máis ortodoxos.

O obxectivo desta aproximación é analizar o tratamento que recibe a Educación Ambiental nos programas electorais para desvelar a visión que deste campo asumen as distintas forzas políticas con posibilidades de obter representación no Parlamento Galego durante a próxima lexislatura. Na perspectiva que se adopta pretendese valorar tamén como encaixan a Educación Ambiental na súa concepción das políticas públicas para os próximos catro anos.

Esta tarefa é máis necesaria dada a conxuntura na que se atopa o campo da Educación Ambiental en Galicia, en franca descomposición,  vítima silenciosa e silenciada das políticas de austeridade, pero tamén debilitada internamente, entre outros factores, polo seu feble estatus social e institucional.

Para esta análise seleccionamos os programas das cinco forzas que teñen posibilidades reais de obter representación parlamentaria. Por orde alfabética: o Bloque Nacionalista Galego (BNG), Cidadáns, En Marea, o Partido Popular de Galicia (PPdG) e Partido Socialista de Galicia-PSOE. Os programas utilizados son os que estes partidos facilitan nas súas web de campaña. Nos casos do BNG, En Marea e PSdG-PSOE,  utilízase as versións dos seus programas en formato PDF que se poden descargas das súas web. Nos casos do PPdG e de Cidadáns, ao non facilitar en liña unha versión en PDF dos seus programas, a análise fíxose a través das propostas programáticas que se poden consultar nas súas web en formato de menús despregables, transferindo estes textos a un ficheiro Word para transformalo posteriormente a un formato PDF para facilitar a busca e contextualización dos conceptos utilizados no proceso analítico.

O procedemento seguido no proceso de análise foi o seguinte:

  • Busca e localización en tódolos programas dos seguintes conceptos: educación (e palabras da súa familia léxica: educar, educativo, educador/a, etc.), ambiente (e palabras da súa familia léxica: ambiental, medioambiental, etc., sempre que se referisen ao ambiente biofísico e á súa problemática), sustentable/sustentabilidade, sempre que referidos á sustentabilidade socio-ambiental, e desenvolvemento sustentable. A localización destes conceptos en cada programa e a valoración  do seu peso cuantitativo permitirá contextualizar mellor a presenza/ausencia da Educación Ambiental e o encadramento que se fai da mesma en relación coa proposta política xeral.

 

  • Busca e localización en tódolos programas das referencias explícitas á Educación Ambiental, ponderando o seu peso cuantitativo e valorando o enfoque político e ideolóxico que se adopta. Nesta perspectiva interesa identificar as medidas concretas que se propoñen para desenvolver, de selo caso, unha política pública de Educación Ambiental e que encaixe teñen ditas medidas en relación a outros ámbitos de actuación, con especial atención ao seu encaixe no ámbito da política educativa e da ambiental.

 

A EDUCACIÓN AMBIENTAL NO PROGRAMA DO BLOQUE NACIONAISTA GALEGO (BNG)

O programa do BNG, na versión PDF descargable dende a súa páxina web ten 35.222 palabras. O concepto “educar”, ou os derivados da súa familia léxica, aparece 111 veces (1 cada 317 palabras). O concepto ambiente, ou os derivados da súa familia léxica, aparece 24 veces (1/1467). As referencias á sustentabilidade socio-ambiental son 21 (1/1677). Non aparece ningunha referencia ao desenvolvemento sustentable. A Educación Ambiental menciónase 4 veces, todas na mesma páxina (p.71) e nun apartado denominado “Participación pública e educación ambiental”, dentro dun capítulo máis amplo co título xenérico de “Coidado e recuperación do medio”, onde comparte espazo temático con propostas relacionadas co saneamento e a xestión da auga, a protección do mar, a xestións dos espazos naturais e da biodiversidade e o benestar animal.

O programa do BNG parte da premisa de “que non é posíbel manter no planeta o actual nivel de consumo de recursos, promovido polo sistema económico imperante. A nosa acción política estará baseada en garantir a sustentabilidade para as xeracións presentes e futuras, buscando un equilibrio entre defensa do medio e desenvolvemento e modernización” (p. 67). En consecuencia,  aposta “por un modelo económico que teña en conta os límites do sistema ecolóxico” e “adaptar o modelo económico a un futuro sen enerxías fósiles”, destacando o seu “compromiso activo na loita contra a mudanza climática estabelecendo como prioritario o obxectivo de redución no noso País das emisións de gases de efecto invernadoiro” (p.67), entre outras prioridades.

O BNG vincula a Educación Ambiental coa potenciación do asociacionismo ecoloxista e coa información e a promoción da participación social na xestión ambiental. En concreto, o BNG propón “actualizar e aplicar a Estratexia Galega de Educación Ambiental” e apoiar “ás entidades e profesionais no seu labor de educación ambiental e promoción do voluntariado ambiental” (p.71). No capítulo do programa dedicado á debuxar as medidas de política educativa  (pp. 48-56) non se rexistra ningunha referencia explícita á Educación Ambiental.

A EDUCACIÓN AMBIENTAL NO PROGRAMA DE CIDADÁNS

O programa de Cidadáns é un compendio de 100 propostas que compoñen a oferta política máis breve das analizadas: 6.643 palabras. O concepto educar, ou os derivados da súa familia léxica, aparece 19 veces (1 cada 349 palabras). O concepto ambiente, ou os derivados da súa familia léxica, aparece 8 veces (1/276). As referencias á sustentabilidade son 6 (1/1107), primándose con un nesgo evidente a dimensión económica da sustentabilidade. Non aparece ningunha referencia ao desenvolvemento sustentable. O programa non recolle referencias explícitas á Educación Ambiental, aínda que si fai unha alusión indirecta a ela nun apartado que leva o título xenérico de “Los gallegos ciudadanos de primera”, no que se afirma aspirar a que Galicia sexa “un lugar atractivo para vivir, porque sus ciudadanos están comprometidos en la defensa del medioambiente y el desarrollo económico sostenible, y porque han sido educados en el respecto al valor de cuidar y conservar la naturaleza”. Para responder a esta aspiración non se propón ningunha medida concreta de carácter educativo-ambiental.

A EDUCACIÓN AMBIENTAL NO PROGRAMA DE EN MAREA

O programa de En Marea articúlase en cinco grandes apartados (A economía ao servizo da xente, Todos os servizos para todas as persoas, O territorio galego: o noso tesouro, Unha cidadanía activa e O goberno galego que constrúe un país mellor), que suman 49.238 palabras. As referencias á educación ou outras variantes da súa familia léxica son 127 (1 cada 387 palabras), unha proporción similar ás referencias ao ambiente  ou variantes da súa familia léxica: 1 por cada 420 palabras. As referencias á sustentabilidade son 36, sempre asociadas coa sustentabilidade ambiental e social. Non aparece ningunha alusión ao desenvolvemento sustentable.

O programa de En Marea é, con diferenza, o que presta máis atención á Educación Ambiental. É salientable que o concepto Educación Ambiental apareza explicitamente citado en 20 ocasións, principalmente no bloque 3 do programa, O territorio galego: o noso tesouro, pero tamén no bloque 1, de contido fundamentalmente económico (A economía ao servizo da xente). Tamén cabe destacar 12 referencias a unha nova Estratexia Galega de Educación Ambiental. Esta iniciativa aparece como a medida clave  sobre a que se fará pivotar a acción educativo-ambiental no caso de ter responsabilidades de goberno. A nova estratexia aparece transversalmente vinculada a diferentes apartados do programa. Pode afirmarse que o peso cuantitativo da Educación Ambiental é coherente coa relevancia que se lle outorga no marco das políticas públicas que se pretenden poñer en marcha.

A primeira referencia á Educación Ambiental atópase na páxina 28,  na que se establece como acción concreta a colaboración  “cos Concellos, coas Asociacións de Nais e Pais e coas Organizacións Non Gobernamentais, para impulsar as Hortas Escolares e as Hortas Comunitarias como unha ferramenta de Educación Ambiental e Humana”. No capítulo do bloque económico que perfila as bases dunha nova política forestal galega (pp. 29 a 33) a Educación Ambiental  identifícase como unha ferramenta estratéxica, destacando que o novo modelo “debe chegar tamén ao ámbito educativo e social, e débese fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio ambiente en xeral, e do monte en particular” (p 32).

O groso da presenza da Educación Ambiental no programa de En Marea concéntrase no bloque 3, O territorio galego: o noso tesouro. Neste bloque delinéanse os fundamentos e enuméranse as medidas propostas por este partido para o ámbito da política ambiental . A presentación do apartado que leva por título “Protexer a terra desde un novo paradigma” establece os fundamentos das accións en materia de Educación Ambiental contidas no programa. Afírmase, en concreto,  que “so unha sociedade ben informada poderá ser a protagonista da transformación social cara a unha nova economía. Neste sentido, calquera proceso de muda, e máis un proceso de transición cara a sustentabilidade, precisa dunha forte compoñente educativa e de formación. Se ben desde o ano 2000 existe unha Estratexia Galega de Educación Ambiental, tamén é moito máis certo que a Xunta de Galicia debe activar esta estratexia incrementando os seus recursos e actividade, dotando de recursos aos numerosos equipamentos públicos e facilitando o emprego dentro deste ámbito. Para iso, proponse a definición de unha nova Estratexia Galega de Educación Ambiental, inserida dentro da nova Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático” (p. 83). Como se  declara neste parágrafo, a proposta dunha nova Estratexia de Educación Ambiental aparece  ligada co desenvolvemento da política fronte ao cambio climático, destacando que dita estratexia debe contar dos recursos económicos, institucionais e humanos necesarios para a súa aplicación efectiva.

O mesmo apartado recolle medidas específicas como a “Inclusión de contidos de Educación Ambiental no sistema educativo galego” (p. 84), a necesidade comprometer gasto público en educación ambiental declarando que “as accións do goberno de Galicia e a acción da iniciativa privada que incorpore apoio público deberán incluír sempre a dimensión ambiental. Artellarase un sistema de comunicación ambiental, difusión ou educación (en ámbitos concretos) da acción do goberno galego” (p. 84) e reforza o enfoque transversal que haberá de ter a nova Estratexia Galega de Educación Ambiental, concibíndoa  “como unha parte da sustentabilidade global na que participan un conxunto amplo de sectores, servizos e movementos sociais, alén dos axentes institucionais que terán funcións executivas” (p. 85).

Esta visión transversal tradúcese na consideración estratéxica da Educación Ambiental na conservación da biodiversidade (p. 85), a minimización dos impactos ambientais do consumo (p.90), a xestión dos residuos (p.91),  a promoción do aforro e da eficiencia enerxética (p. 93) e a xestión sustentable da auga (p.96). Ademais destas referencias, á Educación Ambiental aparece como ferramenta para implica á sociedade galega nas políticas públicas necesarias para promover a sustentabilidade socio-ambiental. O programa de En Marea destaca tamén a importancia da comunicación ambiental e a participación cidadá, como elementos facilitadores destas políticas. En liñas xerais, a proposta de En Marea en materia de Educación Ambiental é a máis ampla, coherente e articulada das que aquí se analizan. Destaca, non obstante, que non contempla explicitamente a promoción da Educación Ambiental no marco da política educativa, estando ausente da redacción do apartado que a desenvolve (pp. 50 a 56). Con todo, como xa se destacou, as directrices de política ambiental contemplan o propósito de incorporar a Educación Ambiental nos distintos niveis educativos.

A EDUCACIÓN AMBIENTAL NO PROGRAMA DO PARTIDO POPULAR DE GALICIA (PPdG)

O programa que presenta o PPdG ás eleccións do 25 de setembro é, con moito, o máis extenso, sumando 70.190 palabras. Na súa redacción o concepto educación ou outros da súa familia léxica aparece 129 veces (1 por cada 544 palabras). O concepto ambiente ou os seus derivados léxicos recóllese 42 veces (1/1671) e o concepto sustentable/sustentabilidade aparece 36 veces, case sempre asociado á sustentabilidade económica. De feito, a proposta dunha Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental oriéntase preferentemente  ao sector empresarial (p. 132). Con respecto á Educación Ambiental, o máis destacable na proposta programática do PPdG é a súa completa ausencia. Non aparece citada expresamente e tampouco aparece aludida de forma indirecta, nin nas propostas que se realizan en materia de política educativa, nin nas relacionadas coa política ambiental.  Resulta evidente que a Educación Ambiental está fora do radar do PPdG, ausencia bastante coherente co tratamento que ten recibido este campo por parte do Goberno saínte.

A EDUCACIÓN AMBIENTAL NO PROGRAMA DO PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA-PSOE (PSdG-PSOE)

O programa do PSdG-PSOE para as eleccións do 25 de setembro suma 63.227 palabras. O concepto educación (ou outros da súa familia léxica) recóllese 134 veces (1 por cada 471 palabras). O concepto ambiente (ou os seus derivados léxicos) suma 99 aparicións (1/638). O concepto sustentable/sustentabilidade figura 39 veces e o concepto desenvolvemento sustentable aparece citado unha vez, nunha alusión aos Obxectivos da ONU para o Desenvolvemento Sustentable (p. 145). As referencias explícitas á Educación Ambiental son dúas, dentro do epígrafe dedicado á Territorio e Medio Ambiente. A primeira aparece ligada á política en materia de cambio climático, que se perfila como un dos eixos principais na concepción da súa política ambiental. En concreto, o PSdG-PSOE propón impulsar  “a educación ambiental, apostando pola formación e a investigación que permitan o avance das posibilidades de desenvolvemento da economía verde, artellando en paralelo políticas de comunicación e participación social en materia ambiental” (p. 146). A segunda referencia aparece ligada á xestión da biodiversidade, propoñendo o desenvolvemento de “programas de educación ambiental xerais e específicos” e a posta “en marcha un plano de información á cidadanía sobre o significado e alcance das figuras de protección ambiental” (p.147). Non se atopan alusións á educación ambiental noutras partes do programa, nomeadamente no referido ás súas propostas no eido da política educativa.

EPÍLOGO, A MODO DE CONCLUSIÓN

Os partidos políticos que contemplan a Educación Ambiental de forma explícita dentro da súa aposta programática son o BNG, En Marea e o PSdG-PSOE. A proposta máis artellada e completa, tanto dende os seus fundamentos como dende as medidas máis concretas que se propoñen, é a que se fai no programa de En Marea. Nela destaca o deseño dunha nova Estratexia Galega de Educación Ambiental e a dotación de recursos para poñela en práctica, instrumento ligado coa política diante do cambio climático e vinculado transversalmente a outros ámbitos da política ambiental (biodiversidade, residuos, enerxía, consumo, etc.). O programa do BNG coincide na necesidade de desenvolver unha Estratexia de Educación Ambiental, se ben esta medida está menos desenvolvida e artellada co conxunto do programa que no caso de En Marea. O PSdG-PSOE recolle unha proposta máis xenérica de apoio á Educación Ambiental. O programa de Cidadáns vai na mesma liña, se ben non fai referencia explícita á Educación Ambiental, senón que expresa o desexo de que a poboación sexa educada para a “conservación da natureza”, o que reflicte unha concepción reducionista e arcaica do papel da educación fronte a crise ambiental.  A Educación Ambiental non aparece no programa do PPdG, sequera de forma indirecta.