O proxecto “Descarboniza! que non é pouco...” comeza a súa andaina

Miguel Pardellas Santiago
Martes, Febrero 21, 2017

 

PROXECTO “DESCARBONIZA! QUE NON É POUCO...” A importancia dos pequenos grandes cambios colectivos

O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. A súa relevancia e impacto están fora de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusábel para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades.

Así mesmo, o papel que debe xogar a Educación Ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas tamén conta con reiterados chamamentos; o derradeiro deles recollido no Acordo de París aprobado na Conferencia das Partes (COP21) celebrada en decembro de 2015.

É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o PROXECTO “DESCARBONIZA! QUE NON É POUCO...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

A investigación da percepción do Cambio Climático e a recompilación de dispositivos e iniciativas sociais e educativas exitosas na redución de gases de efecto invernadoiro agroman os que se formulan como piares do proxecto: as actividades vivenciais significativas que conectan ás persoas co problema e o traballo grupal e/ou comunitario que lle outorga proxección social. Experimentar os coñecementos adquiridos e facelo acompañado doutras persoas convértese así na metodoloxía de traballo; grupos que, a través de distintas dinámicas irán decidindo, a partir da información que se lles proporcionará, que facer e como para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Esta metodoloxía de traballo busca tamén contribuír á participación activa da cidadanía nos problemas ambientais e na vida pública en xeral; e faino desde a resiliencia comunitaria, é dicir, desde a necesidade de articular mecanismos que, como comunidade e cos propios recursos, lles permita resolver satisfactoriamente os retos actuais.

Unha iniciativa piloto no concello de Santiago de Compostela

Durante primeiro semestre do 2017 o Grupo SEPA desenvolverá unha iniciativa piloto no Concello de Santiago de Compostela a través dun convenio de colaboración coa Concellería de Medio Ambiente e Convivencia.

Tomando como punto de referencia o traballo que se ven desenvolvendo nos Centros Socioculturais da cidade, o proxecto botará a andar con tres grupos iniciais: un grupo xuvenil no CSC de Vite, unha asociación de mulleres rurais da parroquia de Lavacolla e un grupo mixto no CSC de Fontiñas.

Podes seguir a nosa actividade a través desta páxina web e do facebook Descarboniza-Que-non-é-pouco.