O Teatro Principal énchese para ver “Amanece que no es poco” e conversar co seu director sobre sub-ruralismo e cambio climático

Miguel Pardellas Santiago
Viernes, Abril 7, 2017

 

Ás 18:20 horas da tarde, a entrada do Teatro Principal amosaba unha extensa cola de persoas agardando a entrar na proxección da película “Amanece que no es poco”, do director manchego José Luís Cuerda.

Minutos antes do inicio da proxección, tan só quedaban algúns sitios libres nos palcos superiores. Despois, risas, sorrisos e mesmo gargalladas nunha cadea de secuencias recoñecidas por boa parte do público e que constitúen xa unha película de culto de primeira orde.

A conversa-coloquio que viu despois tampouco se quedou atrás. O director, admitindo os seus enciclopédicos descoñecementos sobre o cambio climático, foi rememorando anécdotas da película, das súas personaxes e da súa vida en xeral. Da falta da liberdade de expresión (“a miña película non se podería estrear hoxe…”), pasábase ao eloxio do rural; da ecoloxía das ideas ao adianto dalgúns dos detalles da súa próxima película (que comezará a rodar en novembro); da asemblea de mulleres aos homes dos bancais...

Despois de máis dunha hora de coloquio, o evento rematou cunha pechada ovación ao director, ao que aínda lle quedaba asinar autógrafos, sacarse fotos e saudar a todas as persoas que querían darlle as grazas pola marabillosa velada que acababan de pasar.

O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, co que se busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Na actualidade, estase a desenvolver unha iniciativa piloto a través dun convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela, traballando nos Centros Socioculturais de Vite, Lavacolla e Fontiñas.

Neste contexto, parecía importante organizar un evento que, alén de dar unha maior visibilidade ao proxecto, contribuíra a explorar novas liñas de actuación. Coa vontade de ligar humor, educación ambiental e cambio climático pensouse na proxección da película “Amanece que no es poco” (película inspiradora do nome do proxecto) e unha conversa-coloquio co seu director, José Luís Cuerda.