Educación Ambiental para unha alimentación sustentable

Kylyan Marc Bisquert i Pérez e Pablo Ángel Meira Cartea
Miércoles, Septiembre 13, 2017

 

Estamos a comer o mundo?

Para responder afirmativamente a esta pregunta, que xorde da lírica suxestión de Riechmann (2005), bastaríanos con recorrer a datos actualizados referidos á dimensión alimentaria da crise ambiental ou, se se prefire, de como inciden os modos nos que os humanos nos alimentamos na degradación ecolóxica do planeta. Neste sentido, se tomamos como referencia a contribución do sector agroalimentario ao Cambio Climático, por constituír este fenómeno global unha das principais e máis perentorias manifestacións da devandita crise, deberemos remitirnos necesariamente ao Quinto Informe do Panel Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático das Nacións Unidas (IPCC) e, en base ao mesmo, admitir que canto menos, e seguindo a mesma metáfora, estamos a cociñalo.

Nese informe indícase que aproximadamente unha cuarta parte dos gases de efecto invernadoiro (GEI) de orixe antropoxénico proceden directa ou indirectamente da agricultura, a silvicultura e outros usos do solo (IPCC, 2015, p. 9). Porén, aínda que desa contribución só se conveña a atribuír entre un 11% e un 15% ás actividades estritamente agrarias, esta proporción aumenta notablemente se temos en consideración todo o complexo conxunto que configura o sistema agroalimentario globalizado e hexemónicamente industrializado na actualidade. Dita consideración integral do sistema agroalimentario incluirá, máis alá do estritamente vinculado aos manexos produtivos ou extractivos, dende a produción e distribución de insumos agrarios (sementes, fertilizantes, pesticidas, maquinaria, combustibles, etc.) ata o consumo final dos alimentos e a xeración de residuos ao longo de toda a cadea, comprendendo entremedias unha ampla variedade de procesos de transformación, envasado, refrixeración, transporte, distribución e comercialización dos alimentos.

           Fotografía: Banco de Imágenes y Sonidos. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte

Así, segundo os cálculos publicados por GRAIN (2014), estímase que a contribución total do sistema agroalimentario global ás emisións GEI supón realmente entre un 44% e un 57% sobre o cómputo total das emisións antropoxénicas (ao redor da metade!). De xeito desagregado, alén dos derivados dos procesos agrícolas xa indicados, un 15-18% correspondería á deforestación provocada en un 70- 90% do total mundial pola ampliación da fronteira agraria; un 5-6% ao transporte das mercadorías alimentarias; un 8-10% ao procesamento e envasado destas; un 2-4% á refrixeración e outros procesos de distribución e venta; e finalmente, un 3-4% derivaría do inmoral malgasto global de alimentos, dos que case a metade rematan por se desperdiciar.

Unha retroalimentación alarmante

Con todo, os impactos que o sistema agroalimentario provoca son ademais unha arma de dobre fío, pois o da alimentación é precisamente un dos sectores produtivos máis sensibles ás alteracións climáticas e ecolóxicas. Alertaba recentemente a FAO (2016) que o Cambio Climático está xa a afectar á agricultura e á seguridade alimentaria en todo o mundo, dinámica que se verá irremediablemente agravada se non se toman medidas de mitigación e adaptación oportunas. O incremento de eventos meteorolóxicos extremos, a aparición, expansión e desprazamento de pragas, a modificación dos patróns tradicionais de precipitacións ou a suba do nivel do mar, son consecuencias previsibles do Cambio Climático que terán efectos nefastos sobre as colleitas e a provisión de alimentos.

O sistema agroalimentario é, por tanto, un elemento fundamental da configuración das sociedades humanas que é mester revisar e ter en especial consideración se pretendemos avanzar cara a modelos de desenvolvemento máis xustos e sustentables, tanto á hora de adoptar políticas dende as institucións como no exercicio da cidadanía. Neste sentido, a xeración e promoción de sistemas agroalimentarios alternativos ao hexemónico, relocalizados e acordes cos principios de sustentabilidade social e ambiental, resulta unha prioridade. É aquí onde a dieta e os seus múltiples modelos de construcción poden xogar un papel crucial á hora de potenciar á configuración de sistemas agroalimentarios sustentables.

A dieta como eixo central da sustentabilidade social e ambiental

Á vista do panorama descrito, entendemos que a alimentación debe ser un foco de especial atención na práctica dunha Educación Ambiental crítica e transformadora, que aspire a propoñer e promover novas formas de articulación social en torno a un novo paradigma que sitúe a sustentabilidade social e ambiental no centro. Neste sentido, suxerimos a dieta, entendida nun sentido amplo, e as súas múltiples construcións como ferramentas á hora de impulsar transformacións socioeconómicas e culturais máis amplas.

Con dito sentido amplo do termo dieta nos referimos a unha concepción que supera o reducionismo nutricionista, que o entende como un mero cómputo da inxestión de nutrientes ou unha serie de prácticas destinadas ao control de masa corporal. Así pois, concibimos a dieta como un conxunto de condutas e hábitos individuais e colectivos vinculados a alimentación, que inclúe todas aquelas decisións que van dende a selección da composición, cantidade e preparación dos alimentos que se inxiren, ata a elección destes en base a distintos criterios á hora de súa provisión. Ditos criterios responderán a unha ampla gama de situacións, posibilidades, intereses, consideracións e sensibilidades, vinculadas a cuestións económicas, de estatus social, culturais, de saúde, de acceso, relacionais, éticas ou de responsabilidade social e ambiental. Neste sentido, algúns exemplos de criterios para a configuración da dieta poderían ser o custo e a vía de acceso aos alimentos (autoconsumo, redes sociais próximas, canais de distribución), o tipo de produtos que se adquiren (de orixe vexetal ou animal, frescos ou procesados, etc.), a procedencia destes (locais ou de importación máis ou menos alongada), o seu formato (granel, embalados, coxeados, etc.), as súas implicacións sociolaborais e ambientais a distintos niveis, a tempada, a súa composición e valores nutricionais, o seu prestixio social e adecuación cultural, etc. Evidentemente, todas estas consideracións se verán tamén mediadas por influencias do entorno (modas, tendencias, publicidade, etc.), así como por preferencias e gustos individuais, máis ou menos vehiculados por aquelas.

Con construción da dieta nos referimos aos marcos de referencia, coñecementos, valores e principios relativos á alimentación que se manexan e transmiten á hora de influír na configuración da dieta de suxeitos ou grupos, en tanto que acción educativa, e por ende, intencionada. Así pois, pode tratarse de modelos de construción da dieta que poñan o foco en distintas cuestións, como poden ser a saúde e a nutrición, perspectiva de innegable relevancia e necesidade, mais tamén poden incorporar, entre outros, criterios de sustentabilidade social e/ou ambiental. Dependendo do modelo de construción da dieta que se manexe e transmita, estarase a promover a adopción de determinados hábitos e comportamentos que poden terminar por influír na configuración da dieta das persoas destinatarias da acción educativa en cuestión, e así mesmo, en última instancia se estará a promover a participación como consumidoras –ou incluso asumindo outros roles- en distintos modelos de sistema agroalimentario (local/global, industrializado/campesiño-ecolóxico, gran distribución/canais curtos de comercialización, etc.). A divulgación do célebre Prato de Harvard (www.thenutritionsource.org), como superación da obsoleta pirámide alimentaria, ou as campañas impulsadas polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (www.alimentacion.es/) son exemplos de modelos de construción da dieta fundamentalmente orientados á promoción dunha alimentación saudable, mentres que campañas de sensibilización como a de Alimentos kilométricos de Amigos da Terra ou iniciativas socioeducativas como Alimentacción de VSF Justicia Alimentaria Global (Canarias e Altamira, 2014) o son da promoción dunha alimentación sustentable.

           Fotografía: Elena Hervás. Banco de Imágenes y Sonidos. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte

Así mesmo, consideramos tanto a dieta como os seus múltiples modelos de construción como un elemento altamente maleable e cun significativo potencial para a transformación das sociedades e da súa pegada ecolóxica. Nesta liña, Faber et al. (2012), nun informe para a Comisión Europea, salientan os cambios nos hábitos alimentarios da poboación europea como medidas que poden contribuír  considerablemente a mitigar as emisións de GEI no marco da UE, destacando a redución do consumo de proteínas de orixe animal, a asunción de dietas saudables, a redución dos residuos e malgasto de alimentos, o consumo local e de tempada e a redución enerxética en transporte, almacenamento e preparación dos alimentos. Fronte a estas propostas identifican barreiras individuais (falta de información e conciencia das implicacións da dieta, máis o carácter cotiá e case automático dos hábitos alimentarios) e sociais, de tipo estrutural (dispoñibilidade e acceso), cultural (consumo de carne considerado esencial) e económicas (dietas saudables percibidas como máis caras), para a superación das cales propoñen medidas políticas de tipo fiscal, pero tamén comunicativas, entre as que suxiren intervencións educativas.

Ademais, entendemos tamén a dieta como un modo concreto e viable para amplas capas de poboación a través do cal exercer formas de cidadanía que desdebuxan os tradicionais límites entre as esferas pública e privada, no sentido da cidadanía alimentaria proposta por Gómez-Benito e Lozano (2014) ou da cidadanía ecolóxica defendida por Dobson (2010), en base as cales os actos do consumo alimentario poden chegar a ser actos políticos de certa transcendencia se se efectúan en base ao coñecemento das súas múltiples implicacións e en coherencia cos principios de sustentabilidade e xustiza social, especialmente cando a acción individual muda a dinámicas colectivas e comunitarias máis amplas, pois poden chegar a ter incidencia na configuración dos sistemas agroalimentarios. Neste mesmo sentido, propoñemos a dieta como un dos eixos para a constitución dunha emerxente Cultura da Sostibilidade (Vargas e Barba, 2015) –ou da sustentabilidade- que nos permita cambiar de paradigma e superar un modelo de desenvolvemento obsoleto, socialmente inxusto e ambientalmente inviable.

Referencias bibliográficas

Canarias, E. e Altamira, F. (2014). Ingredientes de Soberanía Alimentaria. VSF Justicia Alimentaria Global. Recuperado de http://www.alimentaccion.net/sites/default/files/2014_Sistematizaci%C3%B3n%20de%20Alimentacci%C3%B3nI.pdf

Dobson, A. (2010). Ciudadanía y medio ambiente. Barcelona: Proteus.

Faber et al. (2012). Behavioural Climate Change Mitigation Options and Their Appropiate Inclusion in Quantitative Longer Term Policy Scenarios. Delft: CE Delft.

FAO (2016). El estado mundial de la agricultura. Cambio Climático, agricultura y seguridad alimentaria. Roma: FAO. Recuperado de http://www.fao.org/3/a-i6030s.pdf

Gómez-Benito, C. e Lozano, C. (2014). Constructing Food Citizenship: Theoretical Premises and Social Practices. Italian Sociological Review, 4 (2), 135-156.

GRAIN (2014). La soberanía alimentaria: 5 pasos para enfriar el planeta y alimentar a su gente. Recuperado de https://www.grain.org/article/entries/5100-la-soberania-alimentaria-5-pasos-para-enfriar-el-planeta-y-alimentar-a-su-gente

IPCC (2015). Cambio Climático 2014. Mitigación del cambio climático. Contribución del Grupo de Trabajo III al Quinto Informe de Evaluación del Grupo Intergubernamental de Expertos sobre el Cambio Climático. Resumen para responsables de políticas. Recuperado de http://www.ipcc.ch/pdf/assessment-report/ar5/wg3/WG3AR5_SPM_brochure_es.pdf

Riechmann, J. (2007). Comerse el mundo: sobre ecología, ética y dieta. Málaga: Ediciones del Genal.

Vargas, G. e Barba, M. (2015). Cultura da sostibilidade e cooperación ao desenvolvemento en centros educativos de Galicia e República Dominicana. Ambientalmente Sustentable, 2(20), 715-731.

 

*Texto extraído de Bisquert i Pérez, K. M. e Meira Cartea, P. Á. (2016). Educación Ambiental para unha alimentación sustentable. En M. Oliveira, O. Santos, N. Carvalho, E. Lameiras e J. Castro (Coords.), Atas do II Congresso Internacional Educação, Ambiente e Desenvolvimento (pp. 243-255). Leiria: OIKOS.