Proxecto

Financiación
Dirección General de Investigación Científica y Técnica del Ministerio de Economía y Competitividad del Gobierno de España. Proyectos de Investigación Fundamental no Orientada del VI Programa nacional de I+D+i 2008-2011, convocatoria de 2012.

Periodo de execución
Desde o 01/02/2013 ao 31/01/2016

Motivación
RESCLIMA responde á necesidade de explorar como se interioriza e expresa en distintas sociedades e grupos humanos a representación social do cambio climático, con especial atención aos procesos de transposición científica, interpretación e negociación de significados que van configurando dita representación. Tamén interesa explorar e desvelar os mecanismos “epidemiolóxicos” que fan que determinadas teorías profanas se expandan e cheguen a ser compartidas por distintas sociedades e grupos de poboación con independencia do seu axuste co saber científico.

Hipótese
A relación entre o saber científico e o saber común é complexa e non pode entenderse como mera trasposición da ciencia cara á sociedade. Para representar o cambio climático, as sociedades contemporáneas utilizan elementos (conceptos, teorías, imaxes, etc.) procedentes do saber científico. Estes elementos transfórmanse e pasan a integrar as representacións sociais que constitúen a base da cultura ambiental contemporánea. A construción da cultura común sobre o obxecto “cambio climático” obedece a unha lóxica distinta á súa construción como obxecto científico. O coñecemento da epistemoloxía da cultura común sobre o cambio climático pode mellorar a educación e a comunicación sobre a ameaza do cambio climático.

Obxectivos
A) Identificar elementos estruturais na representación social do cambio climático valorando o seu carácter universal ou idiosincrásico.
B) Trazar un retrato transcultural das representacións sociais do cambio climático no espazo iberoamericano (España, Portugal, México e Brasil).
C) Analizar a influencia de distintas variables na representación social do cambio climático.
D) Buscar a relación entre as representacións sociais do cambio climático e o comportamento da poboación.
E) Estudar o rol de distintos medios e mediadores na construción das representacións sociais do cambio climático.
F) Identificar pautas de comunicación e educación máis consecuentes coas ameazas que proxecta o cambio climático, para favorecer cambios significativos nos estilos de vida da poboación.

Metodoloxía
O material empírico recompilarase a través de diferentes técnicas, seguindo o principio de triangulación metodolóxica (cualitativa-cuantitativa) e procedemental: demoscopia, grupos de discusión, cuestionarios, análise de medios de comunicación e análise de materiais curriculares.