Estudo: Integrar a adaptación e a resiliencia ante os riscos climáticos nos estilos de vida: iniciativas cidadás exemplares. CLIMACTIVA
Obxectivo principal: contar cunha base social organizada e tomar medidas preventivas de forma cotiá en períodos de maior risco, claves para fortalecer a capacidade de adaptación e resiliencia das persoas ante os impactos do cambio climático.
A aula Sarmiento da Facultade de Ciencias de Educación (Santiago de Compostela) acolleu o martes 18 de marzo a presentación, nunha sesión aberta, do estudo Integrar a adaptación e a resiliencia ante os riscos climáticos nos estilos de vida: iniciativas cidadás exemplares. CLIMACTIVA. Foi realizado pola cooperativa Feitoría Verde, en colaboración co grupo de investigación SEPA, e conta co financiamento da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030.
O acto estivo presidido polo profesor Pablo Ángel Meira Cartea, e interviñeron nel as investigadoras principais do proxecto: Miguel Pardellas Santiago, Tania Merelas Iglesias e Mónica Arto Blanco. Así mesmo, o venres 28 de marzo celebrouse un segundo encontro en formato virtual e dirixido ás iniciativas participantes, para abordar os principais resultados.
No informe divulgativo identifícanse e caracterizan 11 iniciativas cidadás que enfrontan perigos climáticos (incendios, inundacións, ondas de calor e seca), así como os estilos de vida das persoas que participan nelas. A investigación integra a perspectiva de xénero para un maior coñecemento das dinámicas grupais. O proxecto inclúe tamén unha proposta educativa para abordar de forma colectiva a adaptación ao cambio climático, ademais dunha guía de xénero que permita avanzar na igualdade de mulleres e homes nas respostas adaptativas.
Principais resultados
O estudo CLIMACTIVA é o primeiro do seu tipo que se realiza no conxunto do Estado español e permite ampliar o coñecemento científico existente sobre como está a responder a poboación ante o cambio climático. Entrevistáronse a 21 persoas que participan activamente en 11 iniciativas cidadás que levan a cabo acciones para enfrontar os riscos de incendios, inundacións, ondas de calor ou seca.
A partir dos resultados obtidos, pódense destacar varias conclusións:
- Unha parte das iniciativas cidadás que abordan os riscos climáticos teñen a súa orixe en entidades xa existentes que xestionan de forma colectiva un determinado recurso ou espazo (auga, monte etc.), que se ve afectado de forma directo polos impactos do cambio climático. Outras iniciativas son o resultado de persoas que buscan estar presentes na xestión do risco, polo que poñen en marcha actuacións neste sentido. En ambos os casos existe unha base social de persoas que incorporan o activismo no seu día a día.
- As iniciativas cidadás canalizan a necesidade individual de actuar e oriéntana cara a solucións colectivas. Á súa vez, favorecen que outras persoas ou entidades reorienten as súas prioridades. As accións de adaptación céntranse en solucións baseadas na natureza e nos usos tradicionais, así como en medidas de protección colectiva ante eventos extremos.
- O impulso cidadán tópase moitas veces coa barreira das administracións públicas. Só de forma excepcional, xéranse espazos que permiten á cidadanía formar parte do deseño e posta en marcha dos procesos de adaptación. Existe marxe de mellora na articulación de accións coordinadas entre as iniciativas cidadás e administracións públicas.
- As actuacións das iniciativas cidadás concíbense por parte dos seus protagonistas como un proceso aberto e mellorable en termos de adaptación ou de resposta rápida ante un evento extremo. En todas elas a idea de manter ou crear comunidade, así como xerar capacidade de actuar ou desenvolver respostas ante o cambio climático, aparecen como logros principais e como recomendacións para outras iniciativas semellantes.
- A participación de mulleres é destacada nas diferentes iniciativas desde a base, e aínda que existen estereotipos e roles de xénero presentes no día a día das organizacións, non é menos certo que se están dando escenarios de transición cara a unha maior igualdade nos espazos de toma de decisións. Un desafío fundamental é desmontar a crenza que infravalora ás mulleres como expertas en campos de coñecemento asociados ao ámbito STEM.
Ademais destas conclusións, o informe divulgativo contempla unha serie de suxestións e recomendacións dirixidas ás propias iniciativas cidadás, pero tamén ás administracións públicas competentes. De feito, o informe foi remitido a concellos, gobernos autonómicos e mesmo confederacións hidrográficas, co fin de impulsar actuacións en clave preventiva fronte aos riscos climáticos.
O proxecto CLIMACTIVA contempla como produtos os seguintes documentos:
- un documento divulgativo que sintetiza os resultados do proxecto de investigación
- unha proposta educativa con indicacións para o desenvolvemento de intervencións educativas pedagoxicamente consistentes, centradas na adaptación aos impactos do cambio climático
- e unha guía de recomendacións para a integración do enfoque de xénero nas iniciativas cidadás.