O proxecto RESCLIMA, sobre a relación entre ciencia e cultura común nas representacións sociais do cambio climático: achegas á educación e comunicación sobre os riscos climáticos, explora a lóxica complexa que preside a construción do coñecemento común sobre o cambio climático e o papel que xoga a cultura científica neste proceso.
A cultura científica ten un peso cada vez maior no mundo contemporáneo. A súa relevancia deriva do impacto das súas aplicacións en todas as esferas sociais e polo papel crecente que ten na orientación das políticas públicas en ámbitos como a saúde, o ambiente, a tecnoloxía ou a economía. A transferencia de conceptos, linguaxes e teorías científicas á vida cotiá contribúe, como nunca antes na historia humana, a conformar a cultura común. É difícil explicar a centralidade social adquirida por retos como o cambio climático sen entender a importancia das transferencias da cultura científica á cultura común e as interaccións que se producen entre ambos campos.
O Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC, no seu acrónimo en inglés), construíu unha base científica rigorosa e consensuada para fundamentar políticas realistas e efectivas que respondan eficazmente aos riscos climáticos. Neste punto, a principal fonte de incerteza non está nas ciencias do clima, senón nas lecturas sociais, económicas e políticas que condicionan as respostas dadas á ameaza do cambio climático. De aí deriva a importancia do que denominamos o “factor social”.
O “factor social”, é dicir, a forma en que a poboación percibe e valora o cambio climático, é e será crucial para concretar calquera acción de resposta. Por unha banda, condiciona a presión cidadá sobre quenes toman decisións para que adopten políticas de resposta máis contundentes; por outra, inflúe na disposición persoal para aceptar e adoptar cambios significativos na vida cotiá, como os que están conectados co modelo enerxético baseado nos combustibles fósiles.
O proxecto RESCLIMA, sobre A relación entre ciencia e cultura común nas representacións sociais do cambio climático: aportes á educación e comunicación sobre os riscos climáticos, explora a lóxica complexa que preside a construción do coñecemento común sobre o cambio climático e o papel que xoga a cultura científica neste proceso. RESCLIMA obedece á necesidade de ampliar os coñecementos sobre o “factor social” do cambio climático para a súa aplicación no deseño de políticas, programas e recursos educativos e comunicativos sobre esta problemática socio-ambiental en particular e sobre a crise ambiental en xeral.
Este espazo web, como ferramenta de difusión, busca dar a coñecer o proxecto e os resultados máis destacables desde as primeiras fases do seu desenvolvemento, así como xerar unha corrente de información multi-direccional entre investigadores do campo ou afíns e a sociedade en xeral.