Nos últimos meses, a equipa de investigación do proxecto Integrar la adaptación y la resiliencia ante los riesgos climáticos en los estilos de vida: iniciativas ciudadanas ejemplares (CLIMACTIVA), ten desenvolvido un extenso traballo de campo para coñecer e caracterizar iniciativas vinculadas a riscos climáticos no estado español.
Esta tarefa ten centrado a súa atención en 11 casos de estudo: Escuelas de calor, de Sevilla; Comunidad de regantes “Ocho Caños”, en Cáceres; Barrios Verdes, en Gran Canaria; Asociación Vecinal Barrio Zofío, en Madrid; Berdesía, en Navarra; Asociación Pego Viu, en Valencia; Comunidade de Montes de Baroña, en A Coruña; Red de Semillas de Aragón; Grupo de vigilancia ante crecidas de Alcalá de Ebro, en Zaragoza; Barrios por el clima, en Córdoba; e Comunidade de aguas “O Galiñeiro”, en Pontevedra.
En todos estes casos, realizáronse entrevistas a persoas directamente implicadas no nacemento da iniciativa ou na súa actual execución, abordando cuestións como os últimos episodios de secas, olas de calor, incendios o inundacións; a reacción da cidadanía ao respecto; as accións impulsadas pola iniciativa cidadá; a vinculación cos centros educativos; a dimensión de xénero na participación; ou as dificultades para ampliar a base social sobre a que se sustentan, entre outras moitas cuestións.
Na actualidade estase realizando a análise da información recompilada e, cara finais de ano, está prevista a presentación de resultados, tanto en formato documental como a través de eventos públicos en cada unha das localidades con iniciativas participantes. Así mesmo, as conclusións da investigación servirán para o deseño dunha proposta educativa para a implementación de intervencións sobre riscos climáticos.
O proxecto Integrar la adaptación y la resiliencia antes los riesgos climáticos en los estilos de vida: iniciativas ciudadanas ejemplares (CLIMACTIVA), está impulsado pola cooperativa Feitoría Verde, en colaboración co Grupo de Investigación SEPA-interea, e foi seleccionado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Transición Ecológica y Reto Demográfico, na súa Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030 no exercicio 2023.