Practices in Education for Climate Emergency: Disruptive Approaches Beyond the Anglosphere

A monografía, publicada na editorial Springer, foi coordinada polos integrantes de SEPA-interea Júlio J. Conde, Antonio García Vinuesa e Pablo Ángel Meira Cartea. Na elaboración dos seus 22 capítulos participaron investigadoras/es e educadoras/es de España, México, Brasil, Portugal, Canadá e Australia. Este traballo enmárcase no desenvolvemento do Proxecto Nacional de Investigación Resclima@tiempo, financiado polo Goberno de España e do Programa de Investigación Resclima. O índice da monografía pódese consultar nesta ligazón.

O libro explora prácticas educativas disruptivas sobre a emerxencia climática. Estas experiencias caracterízanse por diversificar as vías habituais de transferencia académica para lograr un maior impacto e máis relevancia social en diversos contextos culturais. As iniciativas educativas presentadas abordan a educación relacionada coa crise climática desde unha perspectiva sociocrítica, con enfoques máis ambiciosos que os que se cinxen ao modelo de desenvolvemento sostíbel. Este libro ofrece aos investigadores coñecementos básicos e aplicados sobre as dimensións sociais, educativas e comunicativas da emerxencia climática e achega novas ideas á comunidade investigadora que cuestionan os enfoques hexemónicos do desenvolvemento sostíbel e o dominio da perspectiva anglófona. Ademais, as institucións públicas, cooperativas e outras entidades implicadas na investigación sobre cambio climático, acción social e educación atoparán de interese práctico as iniciativas presentadas neste libro de cara a posíbeis transferencias.

Júlio J. Conde, Antonio García Vinuesa e Pablo Ángel Meira Cartea (Coords.) (2026). Practices in Education for Climate Emergency: Disruptive Approaches Beyond the Anglosphere. Springer