Humor, Cambio Climático e Educación Ambiental

Conversa-coloquio con José Luís Cuerda sobre Subruralismo e Cambio Climático. De “Amanece que no es poco” a “Descarboniza! que non é pouco…” Terá lugar o vindeiro 6 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela (ás 18:30 a proxección da película e ás 20:30 a conversa con Cuerda; entrada libre ate completar aforo con invitación).

 

Conversa-coloquio con José Luís Cuerda sobre Subruralismo e Cambio Climático. De “Amanece que no es poco” a “Descarboniza! que non é pouco…”

[[{“type”:”media”,”view_mode”:”media_large”,”fid”:”324″,”attributes”:{“alt”:””,”class”:”media-image”,”height”:”339″,”style”:”width: 480px; height: 339px; margin: 3px 10px;”,”typeof”:”foaf:Image”,”width”:”480″}}]]

Humor, cambio climático e educación ambiental; tres conceptos que poucas veces vemos xuntos. Trátase dunha cuestión tan importante que nin sequera podemos facer chiste dela? Será que as persoas que traballamos na órbita do cambio climático e a educación ambiental temos pouco sentido do humor? Estaremos a esquecer algo tan importante como a risa na divulgación do colapso ecolóxico?

Non temos resposta a estas preguntas, mais si o firme propósito de emenda… tanto na busca de respostas á ausencia do humor no noso campo como á necesidade de impulsalo. E coa actividade que presentamos nesta entrada queremos comezar a poñer remedio a esta situación.

A película “Amanece que no es poco” fai parte dunha triloxía que ten o seu inicio con “Total”, o primeiro traballo do director José Luís Cuerda nos camiños do subruralismo. I é que este foi o adxectivo que empregou o poeta italiano Gianni Toti despois de ver “Total” no festival de Montecarlo en 1985. “Isto non é subrealista, senón subruralista”. Estaba, segundo dicía, por baixo do ruralismo, da maneira de vivir máis elemental do ser humano; a súa poética, por así dicilo, era subxacente a esa maneira de vivir[1].

“Amanece que no es poco” (1988), primeiro, e “Así en el cielo como en la tierra” (1995), despois, convertéronse por lóxica poética en dúas mostras dun subruralismo que, co paso do tempo, mesmo chegou a contar cunha lexión de seguidores/as (amanecistas).

Despois de que a equipa de traballo de “Descarboniza! Que non é pouco…” lle puxera este nome ao proxecto, caeu na conta da homenaxe involuntaria (será cousa do subconsciente) á película “Amanece que no es poco”; mais desde entón non deixamos de darlle voltas á cantidade de cuestións que a película ten en estreita relación coa problemática ambiental, en xeral, e o cambio climático, en particular. Pensamos logo na posibilidade de convidar ao director José Luís Cuerda a proxectar a película e conversar sobre as nosas interpretacións; e para a nosa sorpresa, dixo que si…

E así é como nos puxemos a organizar a proxección e a conversa-coloquio que terá lugar o vindeiro 6 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela (ás 18:30 a proxección da película e ás 20:30 a conversa con Cuerda; entrada libre ate completar aforo con invitación).

Que pasaría na aldea de “Amanece que…” co fenómeno do cambio climático? Como lles poderían afectar a subida da temperatura, os fenómenos meteorolóxicos extremos ou a subida do nivel do mar?

O alcalde de “Amanece que…”, clase política unidimensional na aldea, ¿sería escéptico, negacionista, convencido ou mesmo entusiasta?

Estades todas/os convidadas/os a vir ou, no seu defecto, seguilo pola rede (colgaremos o enlace cando chegue o momento). E tamén a enviarnos as preguntas que vos gustaría facer a José Luís Cuerda a descarboniza@resclima.info



[1] Estracto do libro “Amanece que no es poco”, de José Luís Cuerda, para a editorial “pepitas de calabaza” (2013).