Falar de Cambio Climático e do papel que tiveron e teñen os movementos sociais na súa comunicación e mitigación remite necesariamente á traxectoria e actividade do movemento ecoloxista. Con todas as súas eivas e limitacións, o traballo de divulgación que ten exercido este movemento, o seu labor de denuncia e a constante difusión de boas prácticas e consellos para a redución de emisións, ten sido un vector fundamental na consolidación do Cambio Climático como fenómeno social.
Falar de Cambio Climático e do papel que tiveron e teñen os movementos sociais na súa comunicación e mitigación remite necesariamente á traxectoria e actividade do movemento ecoloxista. Con todas as súas eivas e limitacións, o traballo de divulgación que ten exercido este movemento, o seu labor de denuncia e a constante difusión de boas prácticas e consellos para a redución de emisións, ten sido un vector fundamental na consolidación do Cambio Climático como fenómeno social. Unha consolidación que, por outra parte, coincide temporalmente cunha importante transformación nas prácticas e discursos dunha parte deste movemento ecoloxista e mesmo o xurdimento en paralelo de novas iniciativas como o movemento polo decrecemento ou as comunidades en transición.
[[{“type”:”media”,”view_mode”:”media_large”,”fid”:”225″,”attributes”:{“alt”:””,”class”:”media-image”,”height”:”191″,”style”:”width: 400px; height: 150px; float: right;”,”typeof”:”foaf:Image”,”width”:”480″}}]]
Neste contexto, a Educación Ambiental tense presentado as máis das veces como unha ferramenta válida mais secundaria ou mesmo nomeadamente invisíbel. Por que foi e aínda é a Educación Ambiental un instrumento pouco valorado polo movemento ecoloxista? Que papel ten xogado a Educación Ambiental na divulgación do Cambio Climático? Por que non aparece o concepto Educación Ambiental nas novas iniciativas en prol da sustentabilidade? Que importancia ten esta invisibilidade?
(…)
Movemento ecoloxista e Educación Ambiental comparten unha traxectoria parella dende a súa aparición simultánea no tempo: a degradación do ambiente e, sobre todo, o incremento da súa visibilidade nos últimos anos sesenta e inicios dos setenta pon de manifesto a necesidade de artellar estratexias e prácticas educativas orientadas á conservación do medio, coincidindo co xurdimento de movementos sociais, aínda de ámbito local, que comezan a organizarse para esixir políticas comprometidas na solución dos problemas ambientais.
A partir desta orixe que poderiamos considerar común, Educación Ambiental e movemento ecoloxista experimentan traxectorias que se diversifican e se entrecruzan constantemente. Porén, a existencia de sistemas educativos máis ou menos universalizados —nos países industrializados— proporcionou á Educación Ambiental unha institucionalización moito máis rápida que a que terían os postulados do movemento ecoloxista. Xa na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano, celebrada en Estocolmo en 1972, ponse de manifesto que: “É indispensable un labor de educación en cuestións ambientais, dirixido tanto ás xeracións máis novas coma aos adultos, e que preste a debida atención ao sector da poboación menos privilexiado, para ensanchar as bases dunha opinión pública ben informada e dunha conduta dos individuos, das empresas e das colectividades inspirada no sentido da súa responsabilidade no que respecta á protección e mellora do medio en toda a súa dimensión humana […]”.
Despois viría a posta en marcha do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), en 1975, cun importante papel na coordinación de encontros nos que se afondará na definición conceptual e metodolóxica da Educación Ambiental: Belgrado (1975), Tbilisi (1977), Moscova (1987) e, de xeito transversal, en Río de Xaneiro, na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento (1992).
Neste contexto, é doado imaxinar que a concepción e obxectivos da Educación Ambiental experimentaron unha lóxica evolución. Caride e Meira (2001) distinguen tres etapas no proceso de expansión e institucionalización da Educación Ambiental: na primeira é unha educación para conservar —Estocolmo, Belgrado, Tbilisi—, centrada na preservación de espazos e especies; posteriormente se converte nunhaeducación para concienciar —anos oitenta—, cun enfoque máis holístico e preocupado pola modificación de hábitos e comportamentos, e, como consecuencia das urxencias da crise ambiental, chega a unha educación para cambiar —Río de Xaneiro—.
Comparando esta traxectoria coa experimentada polo movemento ecoloxista pódese establecer un certo paralelismo coa transición experimentada polos grupos conservacionistas, dende os postulados centrados unidimensionalmente no proteccionismo ata unha concepción máis complexa e multidimensional da crise ambiental. Esta transición, pola súa vez, remite novamente ao debate ideolóxico entre o ambientalismo e o ecoloxismo, xa que, a educación para cambiar, ao igual que boa parte do movemento ecoloxista, debátese entre o cambio ambientalista, que promove unha Educación Ambiental para o desenvolvemento sustentable, e o cambio ecoloxista, que esixe unha Educación Ambiental transformadora.
Consciente ou inconscientemente inmersos neste debate, moitos grupos ecoloxistas perciben unicamente unha Educación Ambiental “ambientalista”, ou incluso conservacionista, considerándoa un elemento de pouca entidade ao ignorar a súa acepción máis radical e transformadora —“un produto light dentro do conxunto de liñas de acción proambie[[{“type”:”media”,”view_mode”:”media_large”,”fid”:”229″,”attributes”:{“alt”:””,”class”:”media-image”,”height”:”114″,”style”:”width: 400px; height: 100px; float: right;”,”typeof”:”foaf:Image”,”width”:”480″}}]]ntal” (Heras, 2000)—. Mais, paradoxalmente, coincidindo co aumento da demanda de actividades relacionadas coa conservación do medio e a promoción de hábitos máis sustentables, a Educación Ambiental foise convertendo a partir da década dos noventa nunha das principais fontes de recursos económicos para boa parte do movemento ecoloxista. Este feito, que a priori podería supoñer unha maior autonomía e autoxestión dos colectivos, produciu, en boa parte, un efecto contrario, xa que, directa ou indirectamente, son as distintas entidades públicas e privadas as que financian as actividades de Educación Ambiental, limitándose os grupos a facer Educación Ambiental “para” estas organizacións, o que normalmente supón un aumento da dependencia e unha rebaixa substancial na radicalidade dos contidos divulgados con estas accións educativas.
Reiterando a liña argumental de Heras (2010), o movemento ecoloxista —sexa este conservacionista, ambientalista ou ecoloxista—, malia ser un dos principais actores na promoción e no impulso da Educación Ambiental, considerouna frecuentemente coma unha ferramenta secundaria e escasamente relacionada co resto de iniciativas desenvolvidas en defensa do medio. Quizais por este motivo non se esforzou demasiado na coherencia e no fundamento ideolóxico das iniciativas educativas, en contraste co esforzo realizado na definición do seu discurso.
E que acontece cos novísimos movementos sociais do comezo do século XXI? Pois que a Educación Ambiental pasou de ser unha ferramenta secundaria a unha directamente invisíbel. En liñas xerais, verifícase unha escasa presenza de referentes relacionados coa educación, en xeral, e coa Educación Ambiental en particular; conceptos como “sensibilización”, “concienciación” ou “información” sobre problemas ambientais son utilizados con frecuencia e, sen embargo, non hai rastro visíbel da Educación Ambiental como estratexia ou como ferramenta.
Por que estes movementos non incorporan á Educación Ambiental no seu discurso?; por que, aínda contando con prácticas e mesmo obxectivos e estratexias ligadas estreitamente á Educación Ambiental, esta non figura entre os seus soportes teóricos ou metodolóxicos?
Buscando respostas, en estreita relación coa análise da representación social da Educación Ambiental no seo destes movementos sociais, é posíbel situarse ante unha tripla perspectiva: en primeiro lugar, a que nos sitúa ante a aparentemente pétrea (e interesada?) herencia paidocéntrica e naturalista-conservacionista asociada á Educación Ambiental, especialmente acusada no ámbito anglosaxón, e presumiblemente rexeitada polos novos movementos sociais polo seu carácter reducionista. En segundo lugar, a que nos levaría a identificar a Educación Ambiental coa orde social hexemónica, percibíndose coma unha ferramenta do mesmo para facilitar a súa perpetuidade e, por tanto, coma un elemento a cuestionar. E, en terceiro lugar, as dificultades que, tanto no ámbito teórico da Educación Ambiental como no profesional, están atopándose á hora de adaptarse ás novas realidades sociais. A estes tres aspectos podería tamén engadirse a escasa relación da Educación Ambiental con outras disciplinas que nutren aos novos movementos sociais como a reducida ou nula vinculación co campo da permacultura, a psicoloxía social ou mesmo o decrecemento.
Cabería engadir á sucesión de interrogantes formulados ao redor da Educación Ambiental e a súa relación cos novísimos movementos sociais e o Cambio Climático, o por que da preocupación pola súa presenza e protagonismo. Que importancia ten que se cite nomeadamente á Educación Ambiental ou non se estes movementos sociais desenvolven prácticas educativas transformadoras? Por que tería que ter a Educación Ambiental un papel protagonista nas súas estratexias de actuación?
[[{“type”:”media”,”view_mode”:”media_large”,”fid”:”230″,”attributes”:{“alt”:””,”class”:”media-image”,”height”:”241″,”style”:”width: 350px; height: 190px; float: right;”,”typeof”:”foaf:Image”,”width”:”480″}}]]
O argumento que sustenta todos estes interrogantes, e as respostas suxeridas, está ligado ao feito de que moitos destes novísimos movementos ligados á sustentabilidade, dos que se espera que teñan capacidade para articular alternativas sólidas e viábeis, seguen atopándose con moitas preguntas e dúbidas que establecen uns límites metodolóxicos, teóricos e ideolóxicos altamente esixentes, tanto dende un punto de vista intelectual como emocional. De aí que resulte tan importante a busca de respostas ás preguntas que xurdan como a xestión destas preguntas, a coordinación dos tempos, as accións e as reflexións ás que dean lugar. Un proceso no que a Educación Ambiental podería ter un papel máis relevante do que aparentemente conta na actualidade.
A traxectoria histórica da Educación Ambiental está inzada de reflexións teóricas, experiencias prácticas, exemplos, riscos e aprendizaxes que poden resultar moi útiles ás novas propostas ao redor da sustentabilidade. Reivindicar a presenza nominal da Educación Ambiental, ademais dun necesario exercicio de memoria histórica, preséntase como un antídoto, cando menos contra a repetición de erros. Lonxe de aceptar lecturas dicotómicas do “novo” e o “vello”, a construción de pontes dialóxicas entre movementos e disciplinas preséntase como unha forma de evitar un novo “día da marmota” e quedar atrapados no tempo…
Referencias bibliográficas
Caride, J. A. e Meira, P.Á. (2001). Educación Ambiental y desarrollo humano. Barcelona: Ariel.
Heras, F. (2000). Los movimientos sociales y la educación ambiental. Un encuentro necesario. Revista de Educación Ambiental Aula Verde. Núm. 21, pp 3-5.
Heras, F. (2010). “A Educación Ambiental dende o ecoloxismo”. En Meira, P. e Pardellas, M. (coord.) (2010) O Proxecto Fénix. Proceso de Diagnóstico e Actualización da Estratexia Galega de Educación Ambiental. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
*Extracto da ponencia presentada no Seminario Internacional Resclima 1: Investigar o cambio climático na interfaz entre a cultura científica e a cultura común. Santiago de Compostela, 11 e 12 de decembro de 2014.