Un dos artigos menos coñecidos da Convención Marco sobre o Cambio Climático (CMCC) aprobada no Cume da Terra (Río de Janeiro, 1992) é o nº 6. A súa redacción demanda aos estados signatarios medidas para a sensibilización do público sobre o cambio climático e os seus efectos. Esta Convención deu lugar ao itinerario negociador que culminou no Protocolo de Kioto (1997) e que agora continúa buscando un novo acordo que permita abordar unha política global efectiva ante as ameazas do cambio climático antropoxénico. Neste traxecto xogou un papel fundamental o Panel Intergubernamental de Cambio Climático (IPCC, no seu acrónimo en inglés). O traballo deste organismo, creado en 1988 pola Organización Meteorolóxica Internacional e o PNUMA, construíu unha base científica rigorosa e consensuada para fundamentar políticas realistas e efectivas neste campo. Como é lóxico, os informes do IPCC (o primeiro de 1990 e o quinto de 20013) centráronse en precisar as bases científicas do cambio climático, atendendo principalmente ao coñecemento dos complexos procesos biofísicos que interveñen nel (causas e consecuencias), a discriminar o rol causal das actividades humanas e a valorar as accións de mitigación e adaptación necesarias para evitar os peores escenarios posibles a medio e longo prazo.
Nos sucesivos informes emitidos polo IPCC a dimensión económica foi gañando peso pola necesidade de ponderar os custos da inhibición ante a ameaza climática fronte aos custos das accións de resposta, ademais das implicacións que estas poidan ter para o desenvolvemento humano. Como é lóxico, neste proceso diagnóstico apenas foron contempladas outras dimensións do “actor social”. É, precisamente, ao protagonismo que pode e debe xogar a sociedade nas respostas ao cambio climático, ao que se refire o artigo 6 da CMCC. Nel establécese que os estados firmantes promoverán programas de educación e sensibilización sobre o cambio climático e os seus efectos, facilitarán o acceso público á información relacionada e potenciarán a súa participación no estudo do cambio climático.
Resulta evidente que, con independencia da solidez da base científica do cambio climático, a forma en que a poboación o está a percibir e valorar é un factor crucial para concretar calquera acción de resposta: condiciona a presión cidadá sobre os tomadores de decisións para que adopten políticas máis contundentes e inflúe na disposición individual para aceptar e adoptar cambios significativos en aspectos centrais da vida cotiá (consumo enerxético doméstico, mobilidade, alimentación, consumo, etc.). Neste sentido, a finalidade máis xeral do proxecto RESCLIMA é xerar coñecemento básico e aplicado sobre as representacións sociais do cambio climático que sirva como base científico-social para o desenvolvemento de recursos de comunicación e educación orientados a que as sociedades contemporáneas comprendan e valoren o seu potencial de ameaza e se mobilicen ante el.