Pablo Ángel Meira Cartea será investido Doutor Honoris Causa pola Universidad Veracruzana (México)

O pasado 31 de marzo de 2025, O Consejo Universitario General (CUG) da Universidad Veracruzana (UV), localizada en Xalapa (México), aprobou a entrega do Doutoramento Honoris Causa (DHC) ao profesor e investigador Pablo Ángel Meira Cartea.

Como se indica na nova de prensa publicada en Universo (sistema de novas da UV), a proposta das xuntas académicas do Centro de Ciencias de la Tierra (CCT) e do Instituto de Investigaciones en Educación de dita universidade, Pablo Ángel Meira Cartea foi designado, por maioría de votos, en recoñecemento ao seu traballo na creación e difusión de instrumentos educativos de libre acceso para as/os educadoras/es cun enfoque crítico, promovendo unha visión comprensiva da crise ecolóxica actual e a súa vinculación con outros problemas sociais.

Carlos Welsh Rodríguez, coordinador do CCT, describiuno como un pioneiro en investigar sobre a educación ambiental, a súa vinculación coa sustentabilidade e, particularmente, sobre a emerxencia climática, tarefa que realiza dende a década dos 90.

Salientou tamén a achega multi e interdisciplinar dos seus traballos científicos e das ligazóns que Pablo ten coa UV dende hai máis dunha década, participando con asesorías e en eventos diversos, polo cal a súa postulación foi respaldada pola Facultade de Pedagoxía (rexión Xalapa) e o Instituto de Investigaciones y Estudios Superiores Económicos y Sociales desta universidade.

As reaccións no campo da Educación Ambiental non se fixeron esperar, en particular no contexto mexicano, e a propia Academia Nacional de Educación Ambiental (ANEA) deste país xa se sumou as felicitacións e os recoñecementos, como se pode observar na imaxe anexa.

Felicitamos a Pablo por este fito tan excepcional como merecido, que honra á súa traxectoria como docente e investigador, e que así mesmo nos enche de satisfación e ledicia como grupo.