O próximo 14 de outubro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental. Cada ano, en conmemoración da Conferencia Intergubernamental da ONU sobre Educación Ambiental celebrada en Tbilisi (Georgia) no ano 1977, do 14 ao 26 de outubro, universidades, escolas, parques naturais, centros de Educación Ambiental, institucións públicas, asociacións, museos, municipios, etc. de todo o mundo organizan eventos especiais para salientar a importancia da Educación Ambiental.
Neste contexto, e co ánimo de reivindicar a necesidade de construír e desenvolver unha Educación para o Cambio Climático acorde aos principios e prácticas da Educación Ambiental, tanto a nivel curricular como social, invitámosche a participar do photocall que disporemos no Módulo C (fronte á cafetería, xunto ao Salón de Actos) da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela o próximo mércores 17 de outubro de 10h a 14h.
Ven reivindicar con nós a urxencia de implementar respostas educativas e sociais ante a crise climática, achegando a túa mensaxe personalizada ou empregando algunhas das xa predeseñadas, e colgando a túa fotografía e dicindo a túa nas redes sociais co hastag #resclima2018.