Presentación Resclima I galego

[[{“type”:”media”,”view_mode”:”media_original”,”fid”:”155″,”attributes”:{“alt”:””,”class”:”media-image”,”style”:”width: 688px; height: 174px;”,”typeof”:”foaf:Image”}}]]

No último lustro vense constatando un feito desconcertante. As ciencias do clima son cada vez máis contundentes no diagnóstico das alteracións climáticas que se están a producir e na identificación das ameazas que proxectan para o conxunto da humanidade. Así a acaba de poñer en evidencia o Quinto Informe do Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático. Sen embargo, o cambio climático ven perdendo relevancia nas axendas públicas, pasando a un segundo plano nas axendas política e mediática, e esvaecéndose na axenda social. A pesar de que as alarmas están acesas, parece que as nosas sociedades teñan decidido ignorar a ameaza ou, cando menos, minimizala.

Este gap pon en evidencia as complexas relacións entre o campo da ciencia e o campo da cultura común. Nesta conxuntura adquiren especial relevancia os aportes das ciencias sociais, que poden axudar a comprender as claves dos procesos culturais que están ocorrendo na interface entre as representacións científicas e as representacións sociais do cambio climático. Esta aproximación é necesaria para artellar as respostas colectivas que permitan mitigar a súa intensidade e mellorar a adaptación ás consecuencias que inevitablemente vanse producir.

O Seminario Internacional Resclima I créase como un espazo para indagar e reflexionar sobre a natureza destas interfaces. O coñecemento que se xere será fundamental para mellorar o deseño de programas  e acción educativas e comunicativas máis eficaces. As finalidades últimas son converter ao cambio climático nunha cuestión socialmente relevante e motivar á cidadanía para que demande e protagonice políticas de resposta máis ambiciosas.

O seminario celebrarase os días 11 e 12 de decembro de 2014, en Santiago de Compostela. As áreas temáticas suxeridas para organizar os aportes dos e das especialistas que queiran compartir este espazo de intercambio e reflexión científica son as seguintes:

– As representacións sociais e os discursos sobre o cambio climático.

– O tratamento do cambio climático nos medios de comunicación.

– O cambio climático no currículo escolar.

– O cambio climático e os saberes tradicionais.

– O cambio climático e a valoración social do risco.

– Os procesos de comunicación sobre o cambio climático.

– Condicionantes e barreiras nas respostas políticas e sociais ao cambio climático.

Programa

Inscrición

Comunicacións

Comités

Información