Presentación do informe divulgativo do proxecto CLIMACTIVA

O próximo 18 de marzo presentarase na Facultade de CC. da Educación da Universidade de Santiago de Compostela o Informe Divulgativo do proxecto Integrar a adaptación e a resiliencia ante os riscos climáticos nos estilos de vida: iniciativas cidadás exemplares (CLIMACTIVA), impulsado pola cooperativa Feitoría Verde, en colaboración co Grupo de Investigación SEPA-interea, e financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030.

Os desastres climáticos están cada vez máis presentes en todo o mundo (IPCC, 2022). As comunidades non só lidan con riscos que se van desenvolvendo aos poucos, como o aumento do nivel do mar ou o incremento de temperaturas, senón tamén con fenómenos extremos máis inmediatos, como inundacións, ondas de calor ou incendios forestais. No caso do Estado español, o panorama climático apunta a un futuro con máis eventos deste tipo, e con maior intensidade.

Nun contexto así, é fundamental fortalecer a capacidade de adaptación e resiliencia das persoas ante eventos extremos; unha cuestión onde é clave a participación comunitaria e a organización de iniciativas cidadás que poidan promover solucións sociais e adaptativas. Con todo, non existen moitos estudos que analicen estas iniciativas e o seu papel na articulación de respostas aos retos climáticos.

Con tal motivo, desde o mes de outubro de 2023, o equipo de traballo do Proxecto CLIMACTIVA desenvolveu un extenso traballo de campo para coñecer e caracterizar iniciativas vinculadas a riscos climáticos no Estado español. Esta tarefa centrou a súa atención en 11 casos de estudo: Escolas de calor, de Sevilla; Comunidade de regadores “Ocho Caños”, en Cáceres; Barrios Verdes, en Gran Canaria; Asociación Veciñal Barrio Zofío, en Madrid; Berdesia, en Navarra; Asociación Pego Viu, en Alacante; Comunidade de Montes de Baroña, na Coruña; Red de Semillas de Aragón; Grupo de vigilancia ante crecidas de Alcalá de Ebro, en Zaragoza; Barrios por el clima, en Córdoba; e Comunidade de augas “O Galiñeiro”, en Pontevedra.

En todos estes casos, realizáronse entrevistas a persoas directamente implicadas no nacemento da iniciativa ou na súa actual execución, abordando cuestións como os últimos episodios de secas, ondas de calor, incendios ou inundacións; a reacción da cidadanía respecto diso; a coordinación ou desencontro coas administracións públicas; o tipo de actividades desenvolvidas; ou a dimensión de xénero na participación, entre outras moitas cuestións.

Na mesma semana, este informe será compartido coas iniciativas estudadas, nunha reunión de traballo para revisar as conclusións e suxestións elaboradas. Así mesmo, por como afecta ás distintas administracións públicas, o documento será remitido a concellos, gobernos autonómicos e mesmo confederacións hidrográficas, co fin de impulsar actuacións en clave preventiva fronte aos riscos climáticos.

Presentación CLIMACTIVA

18 de marzo | 16:00 h. | Sala Frei Martín Sarmiento | Facultade de CC da Educación | Campus Vida

Para seguir en streaming: https://www.youtube.com/live/6UQUkXjL960