Análise de segmentación da sociedade española ante o cambio climático

Este capítulo forma parte da publicación Cuarto Seminario Compostela de Investigación en Educación Ambiental e para a Sostenibilidade. Actas editada pola Universidade de Santiago de Compostela.  Nesta investigación búscase identificar a diversidade de posturas que existen na opinión pública sobre o cambio climático a partir de 1.200 entrevistas persoais realizadas a unha mostra representativa da sociedade española. Unha análise de segmentación explora cales son as variables que mellor describen cada un destes grupos e discute a influencia do nivel de estudos, do lugar de residencia e do xénero.

Os resultados mostran que uns colectivos son máis inmobilistas que outros. En concreto, o 9,8% da poboación está aferrada aos seus hábitos (inmobilistas); o 32,1% expresa unha gran resistencia ao cambio (reticentes); o 38,7% recoñece algunhas modificacións nos seus comportamentos (flexibles); e o 19,5% das persoas aproxímase máis aos estilos de vida máis proambientais (comprometidas). A principal conclusión sinala que o axuste dos comportamentos depende fundamentalmente de dous parámetros: (1) a capacidade individual para recoñecer o significado da información científica e (2) as características climáticas do lugar de residencia. En consecuencia, as políticas de mitigación poderían mellorar a súa eficacia se diferenciasen ás audiencias segundo o seu nivel de estudos e a súa rexión climática.



Pablo Montero Souto, Pablo Ángel Meira Cartea e Mónica Arto Blanco (Outubro 27, 2008). Análise de segmentación da sociedade española ante o cambio climático. Cuarto Seminario Compostela de Investigación en Educación Ambiental e para a Sostenibilidade, Santiago de Compostela, España