Coñecer o nivel de alfabetización climática na sociedade –entendida como o dominio sobre coñecementos científicos relacionados co cambio climático- e comprender a representación social do fenómeno –a forma en que o cambio climático é integrado na cultura común-, son pasos necesarios para deseñar accións educativas que promovan a demanda social e a aplicación das políticas para a mitigación e a adaptación ao cambio climático. Para elo, o Proxecto Resclima -Respostas educativas e sociais ao cambio climático-, coordenado dende a Universidade de Santiago de Compostela, ven desenvolvendo unha investigación a nivel internacional co obxectivo de dar resposta a esta demanda. Nas súas primeiras fases, o proxecto centrouse en como a sociedade española, en xeral, percibe e valora o cambio climático a través dunha serie de demoscopias a nivel nacional. A seguinte fase consistiu nun estudo transcultural con estudantes universitarios de Brasil, España, México e Portugal (EDU 2012-33456), seguido doutra investigación similar con alumnado de Educación Secundaria en España, Italia, México e Portugal (EDU 2015-63572-P). Neste caso, a finalidade é comprender como o currículum deste nivel educativo inflúe nos coñecementos sobre o cambio climático e na construción da representación social deste fenómeno entre os estudantes que o cursan. Para elo, utilizouse un cuestionario de 43 ítems de resposta pechada, dividido en tres seccións. Na primeira sección, de variables moderadoras, solicita información sobre xénero, idade e curso académico. A segunda, de 32 ítems, explora a competencia científica do alumnado para identificar a veracidade ou falsidade de enunciados relacionados con coñecementos sobre catro dimensións do fenómeno (procesos físico-químicos, consecuencias, causas e respostas). Por último, os 11 ítems a terceira sección indagan nas valoracións persoais e as crenzas sobre o cambio climático. Nesta comunicación ofrecerase unha síntese dos resultados comparados das mostras de España, obtidas en centros de ensino secundario da zona de Santiago de Compostela (N = 412) e de Portugal, realizadas na zona de Oporto (N = 437), integradas por estudantes de secundaria académica e profesional, con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos. Os resultados suxiren niveis de alfabetización climática similares en ambas mostras e con puntuacións coincidentes, a súa vez, coas obtidas por mostras de estudantes universitarios españois e portugueses nas que foi aplicado o mesmo cuestionario en investigacións precedentes.
—
Antonio García Vinuesa, María Lucía Iglesias Da Cunha y Pablo Ángel Meira Cartea (Abril 18, 2019). Coñecementos científicos e representacións sociais do cambio climático en estudantes de ensino secundario en Portugal e Galiza. V Congresso Internacional de Educação Ambiental dos Países e Comunidades de Língua Portuguesa, Bijagós, Guiné-Bissau