O proxecto Descarboniza! Que non é pouco… Resiliencia comunitaria a través da memoria colectiva

O proxecto Descarboniza! Que non é pouco… foi deseñado co propósito de atopar solucións en clave social á crise ambiental e a vontade de reverter na sociedade o traballo desenvolvido ao redor do proxecto Resclima, aplicando os resultados das diversas investigacións e buscando reducir en clave socio-cultural a distancia sideral que separa a crise climática da vida cotiá da maioría das persoas e das comunidades da nosa contorna. O proxecto consiste na organización e dinamización de grupos de persoas –fundamentalmente adultas– que reflexionan sobre as súas conexións co cambio climático para actuar colaborativamente na transición cara estilos de vida baixos en carbono. Deste xeito, búscase colocar o cambio climático na axenda social, como unha cuestión social relevante para a cidadanía. A metodoloxía de traballo está inspirada en moitas das prácticas dos novísimos movementos sociais que aparecen no cambio de século –Movemento polo Decrecemento, Movemento das Transition Towns, Movemento Slow–, e presta especial atención á dimensión identitaria e emocional a través de dinámicas grupais. O proxecto foi testado con varios grupos no Concello de Santiago de Compostela, resultando unha avaliación moi positiva, especialmente co público sénior e da terceira idade; neste caso, o traballo coa memoria individual e colectiva revelouse un exercicio fortemente motivador, ligando os recordos dun «pasado de baixas emisións» coa súa actual cotidianiedade e as accións necesarias en clave de descarbonización.



Miguel Pardellas Santiago, Pablo Á. Meira Cartea e Lucía Iglesias da Cunha (Outubro 26, 2018). O proxecto Descarboniza! Que non é pouco… Resiliencia comunitaria a través da memoria colectiva. IV Seminario Internacional Resclima e do 2º Encontro da REAJA: A educación para o cambio climático no sistema educativo, Santiago de Compostela, España