
A investigación que aquí se presenta pretende abordar a configuración da dieta e o sistema agroalimentario como elementos de especial relevancia para a Educación Ambiental no actual contexto de crise socioambiental, en tanto que a súa análise e a proposición de alternativas poden constituír ferramentas cunha gran potencialidade na promoción da sustentabilidade. Para tal fin, céntrase o foco de atención nun emerxente movemento social estreitamente vinculado ao campo transdisciplinar da Agroecoloxía: o movemento social agroecolóxico. Preséntase un traballo de investigación que ten o dobre propósito de coñecer a configuración actual deste movemento no territorio galego e de identificar as implicacións socioeducativas que no seo deste podan estar a ter lugar, cunha especial atención ás relativas á Educación Ambiental, campo de referencia para o estudo proposto.
—
Bisquert i Pérez, Kylyan Marc (Dir. Pablo Ángel Meira Cartea) (2021). A dimensión socioeducativa do movemento agroecolóxico en Galicia: a dieta e o sistema agroalimentario como eixos da sustentabilidade [, Universidade de Santiago de Compostela]. http://hdl.handle.net/10347/26926